Skip to main content

A danza das intencións

Obradoiro de interpretación
  • Mércores, 02 Xullo, 10:00
    Sala de Exposicións Auditorio Municipal
  • Con

    Roberta Carreri
  • Procedencia

    Dinamarca
  • Duración

    2 a 4 de xullo, 10:00-14:00

Este obradoiro, dirixido a actrices e actores e organizado en colaboración coa AAAG e AISGE, ten como obxectivo transmitir a base dunha formación que axude ás novas xeracións a descubrir a súa presenza escénica e a proporcionar, ás xeracións máis experimentadas, un xeito de liberarse do seu posible automatismo escénico e dos seus propios clixés. 

Traballarase a percepción da propia presenza en relación co espazo e coas demais actrices e actores no escenario para atopar a forma de estar presente na acción que se está a facer e, ao tempo, a punto para reaccionar. Buscaremos o eixo do propio corpo e o xeito de lograr unha inmobilidade dinámica. Exploraremos calidades de enerxía da mirada e aprenderemos a identificar diferentes puntos do corpo onde comeza o impulso que nos levará polo espazo. Traballaremos na creación de accións físicas e vocais e como realizalas coas diferentes calidades de enerxía. Abordaremos, tamén, o adestramento vocal e as relacións entre as accións vocais e físicas. 

ROBERTA CARRERI. Actriz, directora, docente e escritora. Entra no Odin Teatret en 1974 e, desde entón, participou na Escola Internacional de Antropoloxía Teatral (ISTA) e converteuse na protagonista de moitos dos seus espectáculos. Nos oitenta contacta coas técnicas escénicas de Xapón, India, Bali e China e fórmase cos mestres, Katsuko Azuma (bailarina de Nihon Buyo), Natsu Nakajima e Kazuo Ohno (bailaríns de Butoh). Entre 1989 e 2022, organiza e dirixe o Obradoiro Internacional do Odin Week Festival, en Holstebro. 

Dirixiu espectáculos para Odin Teatret; Teatro Regula; Núcleo Criaçao Rosa Antuña (Brasil); Masakini Theatre Company (Malaisia); Nordisk Teaterlaboratorium e Juraj Benko. Presentou a súa autobiografía profesional, Pegadas na neve e a mostra O Camiño de Nora, por todo o mundo.

En 2007 publicou Tracce, libro traducido a varios idiomas e editado por Edizioni Il Principe Costante (Miñato); Routledge (UK); El Apuntador Edicións (Arxentina); Edicciones Artezblai (España); Triskel Artes Escénicas (Chile) e Editora Perspectiva (Brasil). Os seus artigos e a súa experiencia profesional publicáronse en diversas revistas especializadas.


FaLang translation system by Faboba