Skip to main content

O ciclo do ano

Espectáculo musical
  • Domingo, 29 Xuño, 12:00
    PALCO DA ALAMEDA VELLA
  • Con

    Lembranzas da Ría
  • Procedencia

    Galicia

A Asociación Cultural Lembranzas da Ría fórmase na parroquia de Aldán en Cangas do Morrazo a finais do ano 1984, baixo a dirección de Xosé Menduíña Bastón. 

A medida foron evolucionando, a súa curiosidade e inquietude pola nosa tradición aumentou de tal xeito que decidiron investigar as raíces da nosa cultura e iniciaron un traballo de campo percorrendo aldeas de toda Galicia co fin de recoller, investigar e promover o folclore da terra, centrándose principalmente en territorios onde o baile e a música, xunto co traballo, formaban parte da vida diaria. Froito deste traballo sae o repertorio que a Asociación lle amosa ó público nos seus espectáculos. 

Manolo Cobas é o director artístico e responsable da sección de baile dende 1996. A estrutura do grupo complétase co director da área musical, Manuel Cruces e coaa directora de Canto e Pandeireta, Claudia Álvarez. A Asociación realiza diversas actividades: Baile, Canto e Pandeireta, Percusión. Gaita, Guitarra, Acordeón e Cantos de taberna, o crecemento foi tal que a escola conta con máis de 100 alumnos. 

Inda que o eixe principal do grupo basease na interpretación e reprodución de bailes de toda Galicia, destaca o seu traballo etnográfico e de recuperación da Danza e Contradanza de Darbo e da Danza do Entroido Tradicional de Damas e Galáns de Darbo. A implicación da Asociación nestes proxectos serviu para que no 1994 se lle conceda o premio Xiria ao Labor Cultural, no 2011 o Premio Cacarexo e no 2015 o premio Xohán de Cangas ao labor cultural. 

Destacan as súas actuacións nas Xornadas de Folclore Galego en Compostela, en Salamanca, Burgos, Menorca, Madrid, Segovia, numerosos Festivais en Portugal e no Festival De la Danse Bretonne en Guingamp na Bretaña, así como na TVG: “Luar”, “Aquí Galicia” ou “Dende Galicia Para o Mundo”. 

Lembranzas da Ría quere homenaxear ás mulleres transmisoras da nosa cultura popular co espectáculo "O Ciclo do Ano". 

No transcurso dun ano, unha fotógrafa transcribe as súas memorias e retrata os distintos costumes da vida social do Morrazo. Cantos de reis, Entroido, As Pepitas, Os Maios, as esfolladas ou o traballo na fábrica de Massó pasarán polo escenario enchéndoo de luz e sons.

  • Produción : Asociación Cultural Lembranzas da Ría.
  • Dirección Artística : Manolo Cobas.
  • Dirección Musical: Claudia Álvarez.
  • Actriz: Sonia Couto.

FaLang translation system by Faboba