ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica.
Dúas titiriteiras abren unha caixa de bonecas que en realidade é un baúl dos recordos. Arranca o conto. España, mil novecentos trinta e tantos. Ameniza o espectáculo a Banda de Música do Pobo (de calquera pobo). Entre o posto de churros e a caseta de anís comparece a procesión, o desfile, a comparsa. Pero trátase dun desfile dantesco de bonecas rapadas. A obra, sen dúbida parece un esperpento. Pero de Valle-Inclán non é. Melón Pelado propón unha viaxe iniciática cara lugares da historia non escrita nin contada, nin moito menos fotografada, para reflexionar sobre o propio feito da memoria do atopado.