Rojo Telón somos un matriarcado baixo a aparencia dunha compañía de circo e teatro que consente e ama os seus espectáculos. Pero non por iso deixamos de ser unhas vándalas divertíndonos sobre o escenario e por extensión, divertindo a quen se tropeza connosco. Os nosos acenos de identidade son a experimentación con técnicas aéreas e verticais; ser unha compañía impulsada por mulleres e crear espectáculos desde a verdade. Usando a linguaxe do circo en sinerxia co teatro, a danza, a música e o humor absurdo.
Rojo Telón quere celebrar o seu 10°aniversario cunha gala, recompilando números e imaxes dos seus mellores momentos na escena. Unha divertida proposta que será conducida por "Maritxu", unha presentadora non tan presentadora, enchendo de humor a pista e a todo o público asistente. Un show con moito carácter, xenio e sorprendentes números circenses de aéreos e de chan.