CINCO ARTISTAS que, ao longo destes anos, expuxeron individualmente a súa obra no marco de Mulleres en Acción, xúntanse para celebrar con nosoutras este 25 aniversario nunha exposición colectiva na que exhibirán parte das súas últimas obras.
LORETO BLANCO SALGUEIRO. Licenciada e doutorada en Belas Artes pola Universidade do Pais Vasco, onde impartíu docencia en Pintura 1989/1991. Desde 1992 é profesora na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Como pintora realizou máis de 20 exposicións individuais e numerosas colectivas, dentro e fora de Galicia. Entende e practica a arte como ferramenta para o despertar da conciencia e para a transformación do ser, espiritual e terapéutico.
ANDREA COSTAS LAGO. Artista visual e fotógrafa. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. A súa obra abarca disciplinas como videocreación, instalación, performance e fotografía. A súa persoal narrativa adoita tratar temas universais e cotiás. Os seus últimos traballos, ainda que intimistas, potencian o carácter feminista e reivindicativo presente en toda á súa obra a través do contexto da maternidade.
MARÍA X FERNÁNDEZ. Artista visual. A súa obra móvese nos límites ambiguos de diferentes medios: escultura, obxecto intervido, debuxo, pintura e instalación. As súas composicións xiran sobre conceptos relacionados co tempo, a resonancia, a memoria e o azar e caracterízanse pola liberdade e a experimentación. O resultado é unha serie de obras conectadas entre a abstracción lírica e o conceptualismo. Expón, maiormente, a nivel estatal e en Portugal.
MARÍA MAZÁS LATA (A Coruña, 1960-2017) Artista plástica e deseñadora de chapeus. Como deseñadora traballou no mundo da moda, estilismo en pasarelas internacionais e en diversas obras de danza e teatro. Como pintora abordou a caligrafía, o óleo, o collage e a escultura. Realizou máis de trinta exposicións en Venecia, Friburgo, Roma, París, Barcelona, A Coruña e Cangas. A súa derradeira obra é un conxunto escultórico que denominou Poemario Atlántico.
ROSA NEUTRO. Artista visual, fotógrafa e deseñadora. Desde 2013 mantén unha traxectoria expoñendo dentro e fora de Galicia. Actualmente está representada como artista pola Galería Matria de Milán. A súa obra relacionase coa construción da identidade, os clixés femininos e as contradicións da muller-artista-nai e as súas dificultades para definirse e ter unha presenza significativa no mundo. Para o que se serve da combinación das técnicas da fotografía, a fotomontaxe, a instalación e o textual.