"Na mesma liña ética e estética dos meus dous espectáculos anteriores (O camiño de la Fuente e "22 de agosto"), volvo tentar desde un rigoroso traballo de autor/actor, asumir un triplo compromiso, intérprete e lector da situación sociopolítica actual, pasador (médium) da dura realidade ao campo da realización e da experiencia transformadora, e narrador (talvez un novo estatuto de xograr) que trae aquilo que se despreza e se desvaloriza, para presentalo como absolutamente noso e contemporáneo. Transmitindo e recuperando o esencial e sempre vixente, para conmover a pobreza conceptual e narrativa que hoxe nos oprime e así, propoñer un sempre actualizado espazo escénico nunha verdadeira asemblea ritual e comunitaria" Sabatino Cacho Palma
HAI QUE ARRINCAR A ALEGRÍA Aos DÍAS FUTUROS Un actor prepárase e preséntase, para poñer en consideración os seus pasos, o seu percorrido, a súa propia historia, nunha triloxía familiar que arrinca co avó partindo de Lituania para arribar a Rosario, o seu Fillo Ugo do que se saberá moi pouco, pero talvez, o que é xusto saber e non calar, chegando ao seu neto, "nacido no 63" actor e narrador. Desde os primeiros pasos que nos fixeron humanos e as mans que teceron linguaxes e pensamentos, ata o caos tremendo que nos afoga cada día. Aínda así logrando que a sorpresa, o instante e a sinceridade gobernen a escena, facendo o vacio necesario para que un desexo asome como febo e prometa futuro...