Creada en 2011 para o desenvolvemento e investigación no ámbito das artes escénicas, ANÓMICO TEATRO é herdeira doutros proxectos teatrais e de arte de acción levados a cabo polo dramaturgo Julio Fernández. Nestes 14 anos de existencia, a compañía xerou 15 espectáculos, combinando teatro físico, visual e de texto, con dramaturxias performativas e experimentais. Os derradeiros traballos son "Cartas de amor ás árbores", "Anxos abandonados en mosaicos despois do combate","Nonhorizontes", "Herdarás o cosmos", "Soñar ao bordo do precipicio" e "Inconfesables actos de fascismo ordinario".
Un home chega a unha aldea case deshabitada e comeza unha conversación cunha muller vella. Dela recibe a noticia que nos montes da comarca teñen pensado instalar eólicas. Un morto toma o sol nun banco e un enigmático personaxe rolda polo lugar. A medida que avanza a tarde, o home sente que está cada vez máis atrapado pola paisaxe e polas palabras da muller, ata descubrir aquilo que lle empuxou, realmente, a chegar alí. "A beleza faranos libres" fálanos do amor cara á terra, da maxia das montañas, da tolemia consciente, da necesidade de crear memoria habitable e, por suposto, da beleza como horizonte de loita para escapar da voracidade do extractivismo e o autoexterminio.