Skip to main content

A deseñadora Yaiza Santomé, creadora do cartel da 43 MITCFC

A 43 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas celebrarase entre o 21 de xuño e o 5 de xullo. Durante 15 días a vila morracense encherase do mellor teatro. Como xa ven sendo habitual, a presentación do cartel marca o inicio de cada edición. Nesta ocasión, a creatividade é obra da artista moañesa Yaiza Santomé, creadora, xunto con Carlos Villar, da marca Afouta, unha empresa de deseño inspirada na cultura galega.

A directora artística da MITCFC, María Armesto, lembrou como, desde o comezo, a Mostra encarga os carteis a artistas diferentes para axudar a dar a coñecer o gran talento que hai no eido das artes plásticas en Galicia.

O cartel deste ano é unha obra colorida e moi mariñeira onde o azul é a cor predominante. Unha figura feminina é a protagonista da creatividade. Yaiza Santomé explicou na presentación do cartel hoxe en Cangas que esta muller “estás saíndo á superficie e semella que atopa refuxio no escenario”, unha metáfora do papel do teatro como símbolo de esperanza.

No acto de presentación tamén estivo a concelleira de Cultura de Cangas. Xiana Abal destacou o “compromiso” da Mostra coa cultura e a paridade e o feito de que o festival siga medrando ano tras ano, converténdose nunha cita inescusable do verán galego.

A organización adiantou que presentará a programación completa desta 43 edición o vindeiro mes de abril.

FaLang translation system by Faboba