Yaiza Santomé: “A cultura pode e debe ser un refuxio para todo o mundo”
A moañesa Yaiza Santomé é a autora do cartel da 43 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Unha creación que busca, sobre todo, enaltecer, e mesmo honrar, o papel que a cultura xoga na sociedade. O escenario como refuxio nun mar de incertezas e nun mundo cada vez máis “convulso e radicalizado”.
- Que sentiches cando recibes a proposta de realizar o cartel da Mostra?
Pois, primeiramente, asombro. Non era algo que esperase. E, nun segundo momento, agradecemento cara á organización por ter pensado en min para deseñar o cartel da 43 edición.
- Que foi o primeiro que che pasou pola cabeza ao mergullarte no proceso creativo?
Pois a miña pretensión foi que, ademais de anunciar o evento, o cartel tivera un transfondo co que poder sacar algunha conclusión.
- Que buscas transmitir coa túa creación?
A idea principal que quería transmitir é a importancia da cultura para a sociedade. Para enfatizar esta idea, utilicei a silueta desta muller que trata de emerxer cara a superficie. Ademais, quería que o cartel adquirira a identidade da zona na que se celebra o evento, unha vila mariñeira, cunha clara ligazón co mar. Por iso ese fondo acuático tamén cobra un papel protagonista.
- Poderías explicarnos un chisquiño quen é a muller do cartel?
Pois esta figura feminina, protagonista do cartel, representa a sociedade que se atopa neste mar de incertezas e sae á superficie atopando refuxio no escenario, onde, por fin, pode respirar. É unha especie de metáfora de que a cultura, neste caso o teatro, pode salvala.
- Que outros elementos destacarías da composición?
Creo que todo o conxunto ten un gran impacto visual, converténdose nunha imaxe eficaz que chega ao publico dunha forma sinxela. O uso da ilustración vectorial tamén axuda e lle aporta limpeza a todo o conxunto. Diferenciaría dúas partes na composición: a inferior, onde o fondo do mar se percibe como unha zona máis dinámica e, incluso, un pouco caótica; fronte á parte superior, onde atopamos o escenario que se percibe como un lugar ordenado e simétrico.
- Como chegas ao mundo do deseño?
Pois ao acabar o Bacharelato Artístico tiven dúbidas de se estudar Publicidade ou Artes Gráficas pero, finalmente, decanteime pola segunda opción. Despois desta etapa foi cando comecei a estudar Deseño Gráfico Publicitario.
- Desde hai anos dirixes en Moaña a empresa de téxtil e obxectos de deseño personalizados Afouta, co galego sempre como bandeira. Froito dun soño ou a resposta a unha demanda?
Pois diría que froito dun soño. Un soño compartido con Carlos Villar, o meu compañeiro de vida e de traballo. Comezamos coa empresa pensando en realizar deseños personalizados para particulares e empresas, pero pronto nos demos de conta de que o verdadeiramente nos enchía o corazón era crear a nosa propia marca e facer os nosos deseños. Dende un primeiro momento o fixemos en galego, na nosa lingua nai, tratando de facela visible e de crear produtos que falaran da nosa identidade.
- Podemos intentar mudar o mundo a través dunha mensaxe nunha camisola?
Podemos intentalo, claro. Cada pequena acción conta. Sen as pequenas accións non se logran cambios máis substanciais. Dende logo, expresar o que un sente ou pensa, co que concorda, sempre é bo e necesario. Por que non facelo a través dunha prenda de roupa? Unha mensaxe que formará parte da túa imaxe persoal e que se transmite os demais de maneira directa.
- E desde enriba dun escenario?
Por suposto que si, dende o escenario tamén. Nunha representación teatral abórdanse temas de preocupación social. Pódense amosar pensamentos dende unha perspectiva ou outra e, ao fin e ao cabo, transmitir isto os demais para que cause unha reacción no publico que observa.
- O feminismo é parte esencial do teu traballo como deseñadora. Tamén o é da Mostra con iniciativas como Mulleres en Acción e a paridade en todos os eidos. Cres que as mulleres poderemos deixar de loitar nalgún momento?
Uf, de momento véxoo moi complicado. Tristemente, como xa fixeron moitas outras antes, teremos que seguir loitando por unha igualdade real para as mulleres.
- Como muller e como artista, como che está a afectar o avance da ultradereita no mundo?
Pois, a dicir verdade, asusta bastante. O mundo estase volvendo un lugar convulso, moi radicalizado e no que aos dereitos das mulleres se refire, dicir “ultradereita” case e igual a dicir “antifeminismo”. De feito creo que está tan enxalzado o feminismo nestes últimos tempos porque é unha das barreiras que pode frear os pensamentos radicais deste tipo, que tamén avanzan moi rapidamente.
- Pode ser a cultura o mellor refuxio?
Pois xustamente esa é a mensaxe principal deste cartel. Creo que pode e debe ser a cultura un refuxio para todo o mundo, unha ferramenta de poder que nos axude a medrar, concienciar e desenvolvernos como persoas.
- E o teatro, que papel debe xogar neste momento? Entreter, ensinar, concienciar, facer pensar,...
Totalmente, debe ser parte fundamental para elaborar unha conciencia social, para facer reflexionar ao espectador e usalo como ferramenta para transmitir valores.
- Cal é a túa relación persoal co teatro?
Pois fixen teatro nos meus anos mozos, cando ía ao colexio. E teño un bonito recordo daqueles anos. Agora, desfruto del como espectadora e sérveme moitas veces como inspiración á hora de crear no meu traballo.
- Algunha obra que viras da que gardes algunha especial lembranza?
Pois dunha das que gardo un grato recordo foi a de ‘Raclette’, de Ibuprofeno Teatro. Pareceume maxistral a forma que ten de contar dúas historias nunha mesma escena, e como se van fiando entre elas. E sobre todo, o final, que resulta inesperado.
- Este verán hai que ir á 43 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas porque...
... conta cunha programación escollida ata o último detalle, e nunca defrauda. As actividades son múltiples tanto na rúa coma no auditorio e conseguen sempre nutrir as nosas mentes e deixarnos con ganas de máis para o ano seguinte.