Skip to main content

Premio Mulleres en Acción 2026 para o colectivo ‘UTE-pías Feministas’

O colectivo UTE-pías Feministas, composto polas entidades Atalaias, Arabías, Feitoría Verde, Illa Bufarda e a libraría Lila De Lilith, recibirá o Premio Mulleres en Acción 2026. Nesta 15 edición, a organización da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas decide outorgar o premio a este colectivo por idear e levar adiante a iniciativa ‘Saúde, pracer, república e terra malva’. Trátase dun complexo proxecto de investigación e memoria colectiva que ten como o obxectivo rescatar, preservar e difundir o legado da médica, educadora e activista feminista, Lola Ferreiro Díaz, cuxa “traxectoria vital, intelectual, profesional e activista foi, e segue a ser, referente e inspiración para o movemento feminista e o conxunto das mulleres e da sociedade galega”.

A iniciativa 'Saúde, pracer, república e terra malva' xa foi recoñecida en xaneiro deste mesmo ano co Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña. A raíz deste recoñecemento, UTE-pías Feministas creou unha páxina web que será presentada en Santiago este venres 27 de marzo. Trátase dun espazo virtual que recolle a investigación arredor de Lola Ferreiro Díaz, “referente na psiquiatría, na docencia, na recuperación da memoria e un dos piares dos activismos feministas na Galiza”, segundo explican desde o colectivo, engadindo que “Lola confrontou todo o que consideraba inxusto e loitou polos dereitos das mulleres”.

Lola Ferreiro Díaz

Lola Ferreiro Díaz nace no concello de Ordes en 1957, lugar no que ten a súa residencia até o seu pasamento, en decembro de 2023. Ferreiro desenvolveu unha traxectoria ampla e diversa, na que combinou o seu labor como médica, docente e activista, incorporando sempre unha perspectiva feminista en todos os ámbitos nos que participou.

Ao longo dos anos elaborou guías, publicou artigos e traballos de investigación. Ademais, Lola Ferreiro levou a cabo un destacado traballo de recuperación da memoria, denunciando e facendo visible a represión sufrida polas mulleres durante a ditadura franquista, tanto en Galicia como no conxunto do Estado e tamén a nivel internacional.

O Premio Mulleres en Acción nace no ano 2012 como un brazo máis do proxecto Mulleres en Acción, creado no ano 2000 no marco da MITCFC, co obxectivo de recoñecer a traxectoria profesional, labor artístico, cultural ou acción social realizada por mulleres, colectivos ou entidades que contribúan á implantación da igualdade de xénero na nosa sociedade.

 

FaLang translation system by Faboba