Premio Boas Prácticas en Igualdade a Mulleres en Acción
O xoves 13 de novembro a Deputación de Pontevedra fixo entrega dos II Premios Boas Prácticas en Igualdade, un certame creado polo goberno provincial para poñer en valor a sensibilidade e o traballo diario que realizan distintos colectivos da provincia co obxectivo de construír unha sociedade máis igualitaria e xusta e que en dúas edición suma máis de 80 candidaturas.
A deputada Paula Bouzós fixo entrega do primeiro Premio á Mellor Iniciativa Cultural en Igualdade a Mulleres en Acción, un "proxecto pioneiro que leva 25 anos facendo do teatro un acto político de igualdade". A Deputación de Pontevedra destaca, ademais, que "dende Cangas, esta iniciativa fixo historia: programando con paridade, poñendo mulleres á fronte da creación e convertendo a cultura nun espello xusto e diverso."
O premio foi recollido por María Armesto, directora artística da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e de Mulleres en Acción. Isto foi o que dixo María Armesto durante o acto de entrega:
"Grazas á Deputación de Pontevedra e á súa área de Igualdade por impulsar este premio. Moitísimas grazas por recoñecer o labor de Mulleres Acción ao longo destes 25 anos. Emociónanos especialmente un premio ás Boas Prácticas en Igualdade, todo un convite a seguir traballando, de xeito transversal, pola igualdade de xénero e contra as violencias machistas no teatro e na cultura. Pero Mulleres en Acción non existiría sen o labor das mulleres que o impulsaron comigo: Pepa Barreiro, Paula Tenorio, Che Mariño e Casilda Alfaro.
Un proxecto que naceu moito antes de que se promulgasen as actuais leis de igualdade. Somos pioneiras a nivel galego, europeo e estatal en aplicar a paridade á programación teatral e á organización interna da Mostra Internacional de Teatro de Cangas.
Queremos compartir este premio con todas as mulleres que pasaron por Mulleres en Acción e que, xenerosas, nos enriqueceron co seu saber. Feministas da talla de Mª Xosé Queizán, Marcela Lagarde, Aurora Marco, Mabel Lozano, Amelia Tiganus, Mª Xosé Silvar “Sés”, Tertulia Feminista Les Comadres, Tanxugueiras, CIMA, Mercedes Peón, Chis Oliveira, María Ruido, Observatorio da Mariña pola Iguualdade, Asunción Bernárdez Rodal, Margarita Ledo ou as xa desaparecidas, Dorotea Bárcena e Antía Cal. Remato xa lembrándolle a este auditorio que as mulleres non somos un grupo discriminado máis: somos a metade da humanidade. Moitas grazas."