A Mostra de Teatro de Cangas, Premio da Cultura Galega 2025 na modalidade de Artes Escénicas
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2024 reuniuse o martes 6 de novembro en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos da edición deste ano. O xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, fixo pública a listaxe de premiados de 2025, outorgándolle á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas o Premio da Cultura Galega das Artes Escénicas, destacando que se trata dun "referente no eido escénico, sendo unha das citas máis destacadas do panorama galego, estatal e internacional e un dos mellores festivais europeos que levan a comedia como bandeira". Para o xurado, a Mostra é "unha ventá aberta ao mundo, un punto de encontro entre a escena galega e a internacional, un espazo de produción e coprodución da máis diversa e experimental creación escénica de Galicia".
Cangas, vila-teatro
Este premio fai referencia, ademais, a que a "innovación espacial levada adiante durante a última década transforma, ano a ano, o patrimonio arquitectónico e
xeográfico de Cangas, converténdoa nunha extraordinaria vila-teatro na que se exhiben espectáculos nos máis variados espazos posibles: grandes e pequenas prazas, adros, capelas, santuarios, castros, barcos de pasaxeiros, praias, lagoas ou xardíns, reforzando así a aposta da Mostra por embeber de artes escénicas a vida cotiá das persoas que habitan e visitan a vila". Por outra banda, o xurado considera que a MITCFC é un "motor de creación e produción escénica", pero tamén un "referente en materia de igualdade de xénero, aplicando a paridade, tanto á súa programación como á súa organización interna".
xeográfico de Cangas, converténdoa nunha extraordinaria vila-teatro na que se exhiben espectáculos nos máis variados espazos posibles: grandes e pequenas prazas, adros, capelas, santuarios, castros, barcos de pasaxeiros, praias, lagoas ou xardíns, reforzando así a aposta da Mostra por embeber de artes escénicas a vida cotiá das persoas que habitan e visitan a vila". Por outra banda, o xurado considera que a MITCFC é un "motor de creación e produción escénica", pero tamén un "referente en materia de igualdade de xénero, aplicando a paridade, tanto á súa programación como á súa organización interna".
A directora artística da Mostra, María Armesto, lembra que o festival naceu da man da Asociación Cultural Xiria hai case 43 anos "nun momento no que o país era un ermo porque a ditadura nos deixou sen cultura". Por iso, considera que este Premio da Cultura Galega "non só é un recoñecemento ao que estamos a facer agora, senón a aquelas outras persoas que fixeron posible que un país que non tiña nada en cultura tivese unha vida activa e máis aprezo polo noso".
Cultura desde o próximo
Ao longo destas máis de catro décadas, a Mostra foise "amoldando aos grandes cambios técnicos e sociais", afirma María Armesto, quen engade que "as artes escénicas mudaron moito nos últimos anos co cambio de paradigma na comunicación e a irrupción de internet e das redes sociais". "Na Mostra sempre tratamos de estar moi preto do país e da comarca, sen perder de vista a universalidade. Tratamos de facer cultura desde o próximo", destaca.
A directora artística considera que este premio trata de recoñecer "un bo facer e unha excelencia cultural e social no sentido de traballar pola igualdade, pola cultura e polo país e poñer en valor o que estamos a facer". Preguntada sobre como lles pode afectar este galardón, Armesto afirma, entre risas, que, "de entrada, xa nos afecta coa alegría que nos produce recibir un premio como o da Cultura Galega, o máis alto recoñecemento que se pode ter neste país en material cultural".
Ademais da Mostra, foron galardonados:
✅Categoría de Letras: Editorial Galaxia
✅Categoría de Artes Visuais: Bienal de Arte de Pontevedra
✅Categoría de Música: Bodegas Martín Códax
✅Categoría Audiovisual: Baños Films
✅Categoría Lingua: Campaña ‘Aquí tamén se fala’
✅Categoría Patrimonio Cultural: Antón Corral
✅Proxección exterior Programa de radio ‘Sempre en Galicia’
Con estes galardóns, a Xunta distingue a "excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia".