Manuel Lourenzo: Un formidábel legado artístico e intelectual

Na madrugada de hoxe, discreto e silandeiro, baixou o pano o noso imprescindible Manuel Lourenzo. Fíxoo sen estrondo, sabedor de que a súa obra ía sobrevivilo e de que a través dos seus personaxes ía manterse vivo sobre as táboas e en relación coas novas xeracións, ás que soñaba inocularlles o veleno do teatro.
Baixou o pano, si, pero feliz polo vivido, unha vida plena dedicada ao teatro, o seu principal oficio, a súa paixón. Enfocou o seu traballo a facer real unha gran ambición: converter o teatro nun eixo vertebrador da nosa cultura, para mellor entendérmonos, para contármonos, para levar a cada recuncho do país os nosos problemas e a nosa extraordinaria riqueza lingüística e cultural. Coñecedor a fondo e admirador da literatura dramática grega, de Shakespeare, do mellor e máis vangardista teatro europeo do século XX e daqueles autores galegos que consideraba xeniais, Álvaro Cunqueiro e Otero Pedrayo, quixo levar os seus textos non só ás táboas senón, tamén, ás aulas, onde utilizou o teatro como ferramenta pedagóxica para mellor aprenderlle ao seu alumnado a Historia, Literatura, Dramaturxia ou Interpretación.
Manuel Lourenzo, a pesar dos sete tomos publicados que recollen a súa obra, seguía a escribir cada día, á alba e a man, nos seus cadernos. El mesmo expresou nunha fermosa vídeo entrevista realizada para AISGE: “Antes pensaba que escribir era quitarlle horas á vida, agora sei que é gañarlle horas á morte. Os meus personaxes van durar máis ca min e van alargar a miña vida. Ironía galaica”.
Lourenzo, ademais de acadar o Premio Nacional de Literatura Dramática de España (1997), tamén recibíu o Premio Nacional das Artes Escénicas de Galicia no ano 2008, nunha única edición que contaba con dotación económica. Única porque o goberno da Xunta saído das eleccións de 2009 decidíu substituílo polos actuais Premios da Cultura sen dotación económica, toda unha declaración de principios que, con seguridade, Lourenzo non compartía.
A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, ademais de acoller os seus traballos en diversas edicións, en 1990 concedeulle o Premio Xiria ao Labor Teatral.
Hoxe quedamos sen a súa presenza física pero atesouramos o seu formidábel legado artístico e intelectual. O noso labor agora é custodialo e espallalo. Ata sempre, mestre.
Foto superior: AISGE