As raíñas de Cádiz [CRÍTICA DE "LA REINA BRAVA"]

Las Niñas de Cádiz volveron á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas catro anos despois de gañar o Premio do Público con "El viento es salvaje" para abrir a programación da 42ª edición do festival coa súa última obra, "La reina brava". A peza, con texto e dirección de Ana López Segovia, quen tamén actúa nela, canda Rocío Segovia e Alicia Rodríguez, preséntanos a historia do asasinato dunha raíña odiada pero mantida no poder.
A montaxe abordárana preguntándose como farían Las Niñas de Cádiz un Shakespeare e o resultado é un espectáculo que mestura elementos tráxicos co humor para tratar as grandes paixóns e defectos humanos universais, inspirado e con alusións e chistes vinculados á máis fervente actualidade política. Así, compoñentes do teatro isabelino e referencias ás traxedias do gran bardo inglés dan a man a elementos do romanceiro e do carnaval de Cádiz para aludir de xeito continuo ás miserias e delitos do poder e da Administración na España contemporánea, nunha combinación explosiva e contundente.
Sexa nos versos rimados no texto falado ou nas coplas declamadas ou cantadas, as palabras en Las Niñas de Cádiz son proxectís que elas cargan e cos que apuntan e disparan, cunha habelencia que fai que a espectadora se manteña en vilo en cada frase, agardando a rima, o chiste, ás veces anticipándoo, e logo celebrando o acerto. A linguaxe e as formas que remiten a un teatro clásico combinadas con expresións coloquiais e vulgares e referentes próximos
provocan unha hilaridade continua, que se nutre da construción das personaxes, con toques
esperpénticos e grotescos.
Hai na peza unha forte sátira da corrupción, da prevaricación, dos abusos de poder e dos delirios de grandeza; da “caspa” da política. As personaxes principais non son heroínas pero conectamos con elas polo ben construídas que están, porque a pesar das miserias que as moven din cousas simpáticas e ás veces mesmo cheas de verdade. Nun espazo minimalista, son as actrices as que co seu corpo, a súa voz e cambios áxiles de vestiario e attrezzo conseguen xerar todo o imaxinario, dando vida ás diferentes personaxes dun xeito dinámico, con contrastes entre elas e momentos de gran forza. Destaca especialmente a súa presenza, así como a súa
conexión co público, os elementos musicais que introducen e o manexo do ritmo e a graza nos cambios; todo para contarnos unha historia da que xa sabemos o final, pois nos é presentado ao comezo, pero que redescubrimos, deleitándonos co xeito en que nos é desenvolvida para levarnos de novo ao seu remate, e que nos toca, ao facernos reflexionar sobre a ruindade e sobre as arestas do esquecemento. Foron continuas as risas durante a función en Cangas, que pechou cun longuísimo aplauso do público, dirixido ás tres raíñas bravas, afoutas, que nos gobernaron dende a escena.