Libros sobre "Fillas Bravas", "Músicas Galegas" e "Pandeireteiras"

A primeira xornada de Mulleres en Acción estivo chea de historias, reflexións, anécdotas. O Salón de Plenos do Concello de Cangas acolleu a presentación de tres libros diferentes pero cun mesmo fío condutor: as mulleres. A tarde arrancou coa presentación por parte da alcaldesa de Cangas. Araceli Xestido eloxiou o traballo feito por Mulleres en Acción, que este ano cumpre 25 anos. "Debémoslle moito a esta iniciativa pioneira e atrevida por converterse anos tras ano nun foro para expresarnos libremente e sentirnos protexidas", afirmou a rexidora local. Xestido engadiu que o feito de que en Cangas exista este espazo de reflexión "fala moito do espírito cangués e morracense" e asegurou que Mulleres en Acción "cada ano é un regalo".
A directora da Mostra e impulsora de Mulleres en Acción desde os seus comezos, María Armesto, dixo que este ano a idea foi "reforzar" a iniciativa da Real Academia Galega de adicar o 17 de maio á poesía popular oral, centrando a homenaxe nas cantareiras galegas.
O primeiro libro que se presentou foi "As Fillas Bravas de Momán", a adaptación impresa dun espectáculo de Chévere que leva máis de dez anos revivindo a pegada do legado cultural e social das mulleres. Este libro recolle os cantos e os saberes de Isaura, Dosinda e Benedita, tres mulleres afoutas e irredutibles que viven a súa utopía feminista na aldea de Momán. As actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar interpretan sobre os escenarios a tres mulleres indomables que tocan e cantan o que lles peta como antano fixeron as súas nais e avoas.
Xesús Ron, integrante de Chévere e, nas súas propias palabras, o "enlace editorial" entre a compañía teatral e Kalandraka, editora do libro. Ron explicou que "As Fillas Bravas" é unha obra que "volve colocar no centro ás mulleres". A estrea da obra hai xa máis dunha década -precisamente en Cangas- representa ese momento no que Chévere decide comprometerse activamente coa perspectiva de xénero y toma a decisión de levar a cabo os seus proxectos vendo o mundo a través das "gafas violetas". O obxectivo: que as mulleres non seguiran relegadas a interpretar papeis secundarios. Xesús Ron explicou que o labor do teatro na procura da igualdade é moi importante porque sempre foi quen de chegar a todo o mundo. "O público analfabeto desde sempre puido acceder ao teatro", dixo.
Patricia de Lorenzo, unha das actrices da obra, explicou o firme compromiso de Chévere co feminismo, "poñendo sobre o escenario a mulleres independentes e fortes, non só vítimas". Para crear "As Fillas Bravas" tiveron que explorar a muller do mundo rural galego. "Estas señoras son tan libres que poden facer de todo", afirmou, engadindo que "todo o que nos deron Isaura, Dosinda e Benedita foron satisfacións".
A escritora Isabel Blanco foi a protagonista da segunda presentación co seu libro "Galegas na música", ilustrado por María Lapido e publicado pola editorial Belagua. Trátase dunha escolma de biografías de mulleres galegas dedicadas á música, dende a primeira xograresa ata as máis recoñecidas músicas contemporáneas. Un traballo reivindicativo do lugar das mulleres na historia e que, ao tempo, reivindica a música tradicional galega, representada de xeito moi especial polas pandeireteiras e cantareiras.
Blanco aproveitou a súa intervención para nomear, unha a unha, ás protagonistas do seu libro. "Son mulleres que tiñan que estar nos libros de texto" para ser coñecidas e poder ser referente para outras persoas. "Se non as rescatamos somos cómplices dunha inxusta discriminación", afirmou a autora. Isabel Blanco lembrou unha das frases da activista e filósofa Angela Davis: "O feminismo é a idea radical que sostén que as mulleres somos persoas", para rematar dicindo que sobre esta idea "vivo, traballo e respiro".
Isabel Blanco é escritora e avogada. Especialista en Dereito Matrimonial e de Familia e en Violencia de Xénero e Menores. A súa mirada feminista e comprometida coa igualdade guía as súas publicacións recentes: ”Bambú”, obra que denuncia a violencia patriarcal no ámbito familiar, os álbumes ”Galegas na Ciencia” (2021) e “Galegas nas Artes” (2023), dedicados a divulgar as biografías de mulleres que, malia súa valía, foron invisibilizadas, silenciadas e non gozaron do recoñecemento que recibiron os seus homólogos varóns.
Coa presentación do libro "Somos Pandeireiteiras" (Editorial Xerais) rematou a primera xornada de Mulleres en Acción. Trátase dunha publicación que é consecuencia dun encontro protagonizado pola asociación homónima, constituída no ano 2023, conformada por mulleres tocadoras galegas. Mercedes Peón, impulsora deste proxecto, explicou que tocadora "pode ser unha poeta, unha mestra ou unha limpadora" e a idea do proxecto é "colocalas no centro para crear as propias narrativas".
O proxecto "Somos Pandeireiteiras" conseguíu poñer en contacto a poetas e escritoras galegas contemporáneas (Ana Romaní, María Reimóndez, Andrea Nunes, Susana Sánches Aríns, Mercedes Peón e Selina Otero) cun cento de tocadoras. O labor das primeiras, recoller o testemuño do que cantereiras e pandereiteiras contaban.
Na presentación tamén estivo presente Ana Fernández, secretaria da asociación para explicar que "Somos Pandeireiteiras" é un proxecto que mira atrás, ao presente pero tamén ao futuro". Segundo afirmou, trátase dun "espazo político e un marco para tecer unha rede firme desde onde alzar a voz" e recoñecer ás mulleres tocadoras "na súa diversidade". Pola súa banda, a poeta Andrea Nunes confesou que nun principio a idea de participar no proxecto "asustaba". Tiñamos que "escoitar todas esas voces poliédricas e intentar plasmalas nunha soa voz".
Ao finalizar as tres presentacións, todas as protagonistas se xuntaron para responder as preguntas e reflexións do público asistente. En total, foron case tres horas onde as mulleres estiveron, máis que nunca, no centro.