Somos Pandeireteiras é unha Asociación sen ánimo de lucro de mulleres tocadoras galegas, constituida no ano 2023 co obxectivo de abrir un espazo permanente de articulación entre as mulleres pandeireteiras, producindo narrativas colectivas propias e transmitindo o seu xeito de operar a través da sororidade, garantindo o seu legado musical e oral en lingua galega, posicionandoa como lingua vehicular.
Obxectivos:
- Impulsar a lexitimación da representación social das pandeireteiras como centro de transmisión cultural no eido musical tradicional contemporáneo.
- Favorecer a cohesión social e territorial das tocadoras.
- Difundir o valor do noso patrimonio inmaterial a través da visualización, conexión e articulación das pandeireteiras e tocadoras de Galicia.
SOMOS PANDEIRETEIRAS. Edicións XERAIS.
Esta é a historia dunha serie de mulleres que, coa pandeireta na man, eran libres. Tal e como afirma Mercedes Peón no limiar, eran «libres de tocar, de berrar, de aloumiñar coa voz, de disociar e ornamentar mentres tiñan o seu transo en colectividade, libres de facer a foliada, donas do serán e donas da palabra». A partir do recoñecemento desa liberdade, naceu o proxecto «Somos Pandeireteiras», o lugar onde a centralidade estaría ocupada por un pronome feminino plural: nosoutras.
Este libro é unha consecuencia dese proxecto de pensamento e articulación social e cultural impulsado pola sororidade e promovido pola investigadora, pandeireteira e compositora Mercedes Peón. Nas súas páxinas, seis mulleres galegas contemporáneas Ana Romaní, María Reimóndez, Andrea Nunes, Susana Sanches Arins, Mercedes Peón e Selina Otero recollen o testemuño desde a súa propia palabra.