Skip to main content

Premio Xiria ao Labor Teatral 2026

ENTREGA DE PREMIO
  • Sábado, 04 Xullo, 22:00
    Auditorio Municipal
  • Con

    Antonio Durán "Morris"
  • Procedencia

    Galiza
  • Público

    Todos
  • Duración

    10'

En recoñecemento á súa fecunda traxectoria profesional. Actor de creatividade excepcional para interpretar personaxes complexos ou populares: "Woyzeck" de Buchner; "Falstaff" de Shakespeare; "O enfermo imaxinario" de Molière; Salvador Allende, Carl Smith ou Queipo de Llano en "Shock 1", "Shock 2" e "1936" de Andrés Lima; o inesquecible "Milhomes" na "Esmorga" de Ignacio Vilar; Charlín en "Fariña"; o escuro maltratador en "Princesas" de Fernando León ou en "Celda 211" e "Canallas" de Daniel Monzón; "Pieles" e "La Piedad" de Eduardo Casanova, conmovendo ao público máis diverso. Impulsor e cofundador en 1978 de ARTELLO e a Sala Carral, imprescindibeis na modernización do teatro galego, Antonio Durán "Morris" destaca, tamén, polo compromiso inquebrantable, a nivel persoal e como presidente da AAAG, en prol da consolidación do sistema teatral galego e na loita polos dereitos laborais de actrices e actores. Morris é un referente indiscutible das artes escénicas e audiovisuais galegas e estatais.


Antonio Durán "Morris" nace en Vigo, no popular barrio de Teis. Dos xogos cos amigos do barrio xorde a mutación do seu fermoso apelido materno, Moreiras, que pasa a converterse en Morris, alcume que utilizará como nome de guerra no seu activismo político iniciado no IES da Guía. É neste instituto onde vai descubrir, case a un tempo, a política, a cultura e a si mesmo. Descobre a súa facilidade como orador, capaz de transmitir e conectar coa xente nos seus mitins como líder estudantil, unha sorte de monólogos que o conectan axiña co teatro.
Moito antes do éxito televisivo, acada gran popularidade cos espectáculos de Artello: "Picnic", "Celtas sin filtro" ou a mítica "Batea". No CDG protagoniza "Woyzeck" de Büchner; "Gulliver F.M." de Reixa; "O enfermo imaxinario" de Molière; "As alegres casadas" de Shakespeare ou "Calígula" de Camus. Foi tamén coprotagonista en "O florido pensil", "O crédito", "A leituga", "Shock I e II" e "1936". Traballou nos primeiros e anovadores programas da TVG: "O mellor" de Manuel Rivas; "A ver que vai ser isto" de Chichi Campos; "Servizo de urxencias" de Suso de Toro e, posteriormente, para diferentes plataformas.


FaLang translation system by Faboba