Skip to main content

Premio Xiria ao Labor Teatral 2025

Galardón
  • Sábado, 05 Xullo, 22:00
    AUDITORIO MUNICIPAL
  • Con

    Compañía de Teatro A Panadaría
  • Procedencia

    Galicia

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas – MITCFC, acordou conceder o Premio Xiria ao Labor Teatral 2025, á Compañía de Teatro A PANADARÍA.

En recoñecemento ao seu talentoso labor en “amasar” un teatro innovador e esixente, tanto para as actrices como para un público que debe estar en permanente contacto co seu trepidante ritmo escénico para poder imaxinar e completar así, aquilo que está no escenario pero non se ve, no particular espazo baleiro que Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, as tres almas máter da PANADARÍA, adoitan crear cunha excelente acción física e verbal, tan shakespeariana como panadeira.

Por “amasar” espectáculos con temáticas actuais, guerreiras e con escasa presenza nas nosas táboas. Un teatro que denuncia sen vitimizar, a través da comedia, ese xénero aínda desvalorizado do que poucas creadoras son protagonistas. 

A Panadaría abríu o seu forno teatral en Vigo no ano 2013. As súas tres fundadoras (Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman) amasan un teatro que renuncia aos elementos escenográficos para rebordar humor acedo, música vocal e unhas interpretacións lúdicas e habilidosas que nos levan por un camiño de transgresión hilarante e profundamente político. Nestes doce anos de traballo creativo estrearon as montaxes Pan!Pan! (2013), Panamericana (2015), a multipremiada Elisa e Marcela (2017, en coprodución co Centro Dramático Galego) e As que limpan (2022, en coprodución co Centro Dramático Nacional).

Bolado, Castro e Kendelman cren en procesos creativos colectivos e levan a participación e a reflexión en comunidade aos seus proxectos sociais e pedagóxicos como Tortigrafías (unha cartografía cuir e crítica de distintas cidades galegas), Parolas Inútiles (conversas interxeracionais e improdutivas) ou Mulleradas (un arquivo do pracer e o desexo en mulleres a partir dos 50). Outro dos compromisos de A Panadaría é a de conformar equipos de traballo íntegros de mulleres, priorizándoas sempre nos seus procesos de selección. A intención é a de rachar así coa inercia da presenza masculina nos postos directivos e técnicos.

A Panadaría recibiu máis de 20 premios autonómicos e estatais que recoñecen a calidade da súa aposta artística e o seu compromiso transversal feminista e LGTBIQ+, entre eles o Premio da Crítica Galicia 2015, Premio Luísa Villalta 2017, Premio Alas 2018, nove Premios María Casares, Premio Begoña Caamaño 2020 ou o Premio Pluma 2021. Son, en palabras da crítica, «o altofalante perfecto para facer tremer a sociedade».


FaLang translation system by Faboba