Premio Xiria 2024 a HELEN KELLER. A MULLER MARABILLA? do Grupo Chévere

Domingo, 30 Xuño 2024 23:30
Auditorio Municipal
  • Tipo: Entrega Premio Xiria ao labor teatral

ENTREGA PREMIO XIRIA AO LABOR TEATRAL 2024 a HELEN KELLER. A MULLER MARABILLA? do Grupo Chévere

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas - MITCFC acordou conceder o Premio Xiria ao Labor Teatral 2024, ao espectáculo do Grupo Chévere, HELEN KELLER. A MULLER MARABILLA?.

Un excepcional traballo de inclusión, no ámbito profesional teatral galego e estatal, que é accesible para persoas con discapacidade auditiva, visual ou xordocegueira e, tamén, cuestiona a incomunicación entre estas persoas e as "sen discapacidades", conseguindo establecer unha conversa aberta e directa co público. O espectáculo, ademais de dar a coñecer a verdadeira historia de Helen Keller, ten o valor engadido de defender a importancia das linguas minorizadas e o seu uso publico, neste caso, a lingua galega e a lingua de signos.

"Despois de tantos anos, este é o primeiro traballo de Chévere que afonda na necesidade de facelo accesible a persoas con discapacidade sensorial. E máis alá de elaborar, adaptar e coidar ferramentas de accesibilidade como a audiodescrición para persoas con discapacidade visual, ou preparar materiais para facilitar o acceso a persoas xordocegas, esta obra, sobre todo, cuestiona a in-comunicación entre persoas oíntes e non oíntes, explorando as posibilidades de compartir unha conversa aberta no escenario, como unha silenciosa reivindicación da importancia das linguas minorizadas, do seu uso público e do seu encontro. Por iso integramos na mesma obra a lingua falada en galego e a lingua de signos. Porque queremos chegar a públicos que quedaron sempre fóra do noso teatro. Porque sabemos que colocar simplemente uns subtítulos non significa que a obra sexa accesible para persoas xordas. Porque queremos confrontar ao público oínte coa realidade das persoas xordas, a súa lingua, a súa cultura e a súa marxinación. Porque queremos xuntar na mesma sala e en igualdade de condicións a persoas oíntes e persoas xordas. Porque facendo máis diverso o público do teatro faremos máis diversa a sociedade.

A convivencia entre unha lingua de signos e unha lingua oral no mesmo plano e sobre o escenario non é doada. É algo que nos obrigou a cuestionar as solucións que coñeciamos. Foi unha invitación a empezar de cero outra vez. A considerar o silencio como unha materia propia do teatro e a valorar o tempo que leva contar algo co movemento das mans, máis alá da rutina das voces, os berros ou os murmurios. Para conseguilo, establecemos a lingua de signos como lingua vehicular do proxecto. As persoas do equipo estivemos estudando e aprendendo lingua de signos durante algo máis dun ano, unha formación básica para poder entender do que estabamos a falar na obra. A xenerosa acollida destes novos públicos que se achegan por primeira vez ao noso traballo devolveunos a ilusión de cando empezabamos, lembrándonos que temos todo por aprender, que non somos nada máis ca un grupo coa inmensa sorte de poder empezar de novo. E agora estamos nunha encrucillada, asumindo que nada volverá ser o mesmo, que non só pasabamos por aquí, senón que para seguir nisto haise que comprometer cun teatro concibido para todos os públicos. É o seu dereito".

Grupo Chévere

No video selected.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.