Premio Mulleres en Acción a María Ruido

Mércores, 26 Xuño 2024 21:00
Auditorio Municipal
  • Procedencia: Ourense

En recoñecemento ao seu excelente labor artístico, no que utiliza a arte cinematográfica dun xeito orixinal, inexplorado e cunha linguaxe propia, presente xa nas súas primeiras performances, nos seus ensaios-documentais e na súa última película, a conferencia-performance "Las reglas del juego".

María Ruido constrúe unha contra-narrativa feminista e de clase coa que enfronta, con lucidez e talento, a narrativa capitalista e patriarcal, cada vez máis obscena e promotora de estereotipos que buscan colonizar o noso corpo, o noso xeito de ser, a nosa propia identidade. A súa obra invita á reflexión sobre o desclasamento, conflitos, dificultades e contradicións de xénero e de clase que acontecen no ámbito laboral, artístico e cultural.

Entendemos que é un referente estatal do cinema feminista e documental. Unha auténtica Muller en Acción.

María Ruido é artista visual, realizadora, investigadora e docente. Actualmente vive en Madrid e Barcelona, onde é profesora no Departamento de Imaxe da Universidade de Barcelona. Desde 1998 ven desenvolvendo proxectos interdisciplinares sobre a construción social do corpo e a identidade, os imaxinarios do traballo no capitalismo postfordista, e sobre a construción da memoria e as súas relacións coas formas narrativas da historia, e máis recentemente traballa en torno ás novas formas dos imaxinarios decoloniais e as súas posibilidades emancipatorias.

Entre as súas producións destacan os ensaios documentais "La memoria interior" (2002), "tiempo real" (2003), "Ficciones anfibias" (2005), "Plan Rosebud" (2008), "ElectroClass" (2011), "Le rêve est fini" (2014), "L´oeil impératif" (2015), "Mater Amatísima" (2017), "Estado de malestar" (2019) ou a conferencia-performance "Las reglas del juego" (2022).

Participa, desde comezo do 2000, en moitos proxectos expositivos estatais e internacionais, así como en festivais de cine e vídeo, circulando os seus traballos entre ambas institucións, a artística e a cinematográfica. Os seus traballos están presentes nas coleccións permanentes do MNCARS, MACBA, CA2M, CGAC ou no Arquivo OVNI.

No video selected.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.