En recoñecemento á súa extraordinaria traxectoria profesional, artística, pedagóxica, de investigación e social.
Compositora, instrumentista e cantora de creatividade excepcional. Hai xa 25 anos, comezou realizar un formidable labor de investigación e divulgación que visibilizou ás pandeireteiras, mulleres esenciais no desenvolvemento da riqueza musical e cultural do país. Un labor que situou a estas mulleres no lugar que lles correspondía e do que nunca deberon faltar, a Historia.
Mercedes Peón, ademais, é impulsora do proxecto Somos Pandeireteiras que naceu coa firme intención de mover os marcos de pensamento androcéntrico e de crear un espazo diáfano para poñer no centro ás tocadoras e así crear os seus propios relatos, sen mediacións externas.
O seu discurso, abertamente feminista, convérte a Mercedes Peón en referente das novas xeracións que, coma ela, serán auténticas Mulleres en Acción.
Mercedes Peón está considerada unha das mulleres máis carismáticas do circuito da música contemporánea e de raíz europea. Con só 13 anos escoitou cantar ás mulleres da creación colectiva musical da Costa da Morte e, abraiada co tocar da pandeireta, o cantar da ribeirana e a beleza inmensa das cancións, bailes, contos e vivencias dos seus contemporáneos habitantes das aldeas, decide comezar unha intensa recompilación por toda Galicia. Coñecemento que, máis tarde, vai transmitir a través do ensino, as escolas municipais, a Televisión de Galicia e en Universidades como a Sorbone, O Porto, País de Gales, etc.
Como compositora vai crear bandas sonoras para cine, espazos sonoros para danza e performances en directo, dende a hibridación á posta en escea de banda electrónica ou de raiz. Nas súas composición está presente a polirrítmia, os ritmos máis ancestrais conviven cos máis contemporáneos, os instrumentos acústicos cos electrónicos, as melodías e timbres da súa poderosa voz cos sons e voces das cidades, nunha fusión electroacústica, é dicir, unha música en constante innovación. Nas súas composicións está sempre presente o compromiso social, o feminismo, as minorías e a desaparición das linguas.