Skip to main content

FEGATEA na MITCFC

  • Sábado, 05 Xullo, 20:00
    Adro da Capela do Hospital
  • Compañía

    FEGATEA
  • Procedencia

    Galicia
  • Público

    Público familiar
  • Duración

    60'

A Federación Galega de Teatro Afeccionado está composta por 58 agrupacións teatrais representativas das catro provincias galegas. Quedou constituída como federación no ano 2000 sobre as augas de Noia, co obxectivo de promover o intercambio de experiencias entre os grupos amadores e loitar pola normalización cultural e lingüística de Galicia. Na actualidade é a maior estrutura teatral galega e celebra o seu 25 aniversario organizando un gran acto que se celebrará no mes de xullo na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Nesta edición, e por terceira consecutiva, contaremos con tres grupos de teatro que porán en escena pezas de microteatro con distintos contidos e estilos teatrais, destacando o humor e as reivindicacións feministas, que servirán como mostra do traballo que se está a realizar neste sector.

O RANDIÑA VAI Á CONSULTA da Asociación Dramatúrxica Pico do Castro (Foz) 
Esta peza de microteatro recrea as peripecias de “O Randiña”, desta vez na consulta do hospital. Este singular personaxe expón, con ironía e humor, as dificultades para ser atendido a tempo polo sistema de saúde. A través da súa experiencia invítanos a reflexionar, desde unha perspectiva distinta, sobre a nosa vida e o papel que desempeñamos na sociedade.

AS MULLERES SOAS de Teatro de Cámara Ditea (Santiago de Compostela) 
As Mulleres soas é un sainete de Mariana Cabañas. Actriz, empresaria e escritora madrileña de mediados do século XVIII que pertenceu a unha compañía teatral na que os homes, nunha das súas postas en escena, interpretaron os papeis femininos. Como reacción e vinganza, Mariana Cabañas escribe “Las mujeres solas”, unha peza moderna para a súa época, reivindicativa e feminista, na que as mulleres, sabéndose dominadas polos homes, loitan pola súa liberdade e buscan demostrar que valen tanto como eles, que os homes, sen elas, non son nada e que, economicamente, as mulleres poden valerse por si mesmas.

SOPA DE MORCEGO de Fauna 113 (Vigo)
Sopa de Morcego trata da relación amorosa entre dúas mulleres que viven inmersas nunha crise importante. Intúese un divorcio inminente, mais unha delas, Lili, merca unhas gafas de realidade virtual para darlle unha volta as relacións sexuais e así comezar un cambio e intentar salvarse. Eva non parece moi polo labor pero cae rápido na tentación e o resultado fainas reflexionar sobre o seu momento e o seu futuro como parella. Sopa de morcego é unha comedia fresca, actual e moi divertida, mais fainos pensar sobre as relacións emocionais que viven as parellas independentemente de ser homo ou heterosexuais.


FaLang translation system by Faboba