Pablo Fidalgo (Vigo, 1984) é escritor, dramaturgo e curador independente. Publicou quince libros e as súas pezas presentáronse nos principais teatros e festivais de Europa e América. Entre eles, Festwochen Viena, Schaubuehne Berlin, Teatro de la Abadía, Fiba Buenos Aires, Theatre de la Ville, Centro Dramático Nacional, Teatro Rivoli, Culturgest ou Festival de Almada.
O seu último libro de poesía publicado é Vivir sin nada (Ril, 2023) e en teatro La enciclopedia del dolor: esto que no salga de aquí (Solar de edicións, 2024). Fundou e dirixiu o Festival Escenas do cambio (2015-2020). Creou programas de artes en vivo para os concellos de Bilbao, Xixón e Luarca.
O 31 de maio de 2021 a portada do xornal El País era a foto da porta dos Maristas de Vigo: o meu colexio. O titular do xornal dicía así: Exalumnos dos Maristas de Vigo denuncian o horror dun colexio con catro pederastas nos anos 90. Ler isto, ver isto, faime empezar a recordar, e recordar, e recordar. Empezo a reconstruír, a unir cabos, a facer memoria de verdade. A través de moitas conversas con outros exalumnos do colexio, voume reencontrando con imaxes e palabras e momentos do colexio e do deporte escolar que esquecera por completo.
Acaso é posible recordar (reconstruír) unha vida sen compartila? Como eran os colexios relixiosos nesa época? Saíra España da ditadura? Por que nos colexios aínda existía esa disciplina e ese abuso continuado? Dun xeito moi sinxelo e austero, a obra desgrana paseniño o día a día nos Maristas de Vigo nos anos 90. Un ambiente cheo de violencia e contradicións, onde cada alumno e cada profesor atopa o seu xeito de seguir adiante...