A vida da Banda de Gaitas de Tromentelo de Coiro, está moi ligada á do colexio desta parroquia de Cangas. Todo comezou como unha actividade extraescolar das clases de gaita no curso 1987/88, dirixida por Xaquín Camaño. No ano 1991 dáse o salto e comeza a propia banda, co nome de Tromentelo, en homenaxe aos montes da parroquia, e patrocinada polo director da Banda de Gaitas Xarabal de Vigo, Antón Corral. O director daquela era Xaquín Camaño, que permaneceu no cargo durante dez anos, e foi substituído por Sara Malvido, que comezou como alumna no colexio de Tromentelo e máis tarde pasou a formar parte da banda.
A banda sempre se dedicou a preservar e promover a cultura galega, fundamentalmente a través da música e a tradición. Un dos segredos que a mantivo viva ao longo dos anos foi a súa escola, a través da que imparte clases de baile tradicional, acordeón, gaita, percusión tradicional e tambor tradicional no local da Retirosa. A banda está formada case na súa totalidade por alumnado deste colexio.