Skip to main content

As pandeireteiras de ADICAM

Actuación musical
  • Venres, 04 Xullo, 20:30
    ENTRADA AUDITORIO MUNICIPAL
  • Con

    Pandeireteiras ADICAM
  • Procedencia

    Galicia

Van moitos anos xa desde que Mulleres en Acción estableceu con ADICAM un vínculo de colaboración no que, ano a ano, ofrecémoslles obradoiros específicos e entradas solidarias ás súas asociadas. Nesta 25 edición na que celebramos ás pandeireteiras e cantareiras galegas, queremos que o grupo de alumnas de pandeireta de ADICAM se unan á celebración coa súa pandeireta como protagonista.

ADICAM (Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama e Xinecolóxico) é unha organización sen ánimo de lucro fundada no ano 2001 en Cangas e que actualmente traballa a nivel galego . A súa misión é apoiar ás mulleres diagnosticadas de cancro de mama e xinecolóxico, así como a outras persoas afectadas por procesos oncolóxicos e ás súas familias. ADICAM fai un apoio integral ás mulleres desde o momento en que son diagnosticadas ata cando o precisen. Traballa directamente coa comunidade, con accións dirixidas á prevención e formación sanitaria e co acompañamento a mulleres en situación de vulnerabilidade. 

Fina Acuña, fundadora de ADICAM, ofreceulle no 2010 a Sara Malvido un recuncho na Asociación para crear un obradoiro de pandeireta co obxectivo de ofrecer ás mulleres un espazo de lecer e de socialización, centrado na música tradicional galega. 

Son moitas as mulleres diagnosticadas e non diagnosticadas que, durante todos estes anos, foron pasando por este obradoiro para aprender a tocar a pandeireta, a aliviar as mágoas ou a sentirse parte dun grupo. Estas tardes de pandeireta desembocaron en pequenas actuacións en festas populares, tardes de furancho ou nun pequeno pero ben necesario café despois da clase. Os obradoiros de pandeireta en ADICAM son moito máis que unha terapia.


FaLang translation system by Faboba