![](/index.php/es/component/ajax/?p=image&src=WyJpbWFnZXNcLzIwMDktMDktMTdfSU1HXzIwMDktMDktMTdfMjEtNTktMTZfdHYyLmpwZyIsW1siZG9SZXNpemUiLFs3NjgsNTA1LDc2OCw1MDVdXSxbImRvQ3JvcCIsWzc2OCw0MzIsMCwzNl1dXV0%3D&hash=ec429cf8df937c49e36296c92d25cf9f 768w, /templates/yootheme/cache/2009-09-17_IMG_2009-09-17_21-59-16_tv2-56367dae.jpeg 1024w, /index.php/es/component/ajax/?p=image&src=WyJpbWFnZXNcLzIwMDktMDktMTdfSU1HXzIwMDktMDktMTdfMjEtNTktMTZfdHYyLmpwZyIsW1siZG9SZXNpemUiLFsxMjgwLDg0MSwxMjgwLDg0MV1dLFsiZG9Dcm9wIixbMTI4MCw3MjAsMCw2MF1dXV0%3D&hash=213c2eea78b3fab7f91c1833fff9575a 1280w)
Adeus a Dorotea
Dorotea Bárcena fixo mutis esta noite. Elegante, silandeira, sen estrondo. Dorotea foi para o noso teatro o que o seu nome, procedente do grego Δωροθεα (Dōrothea), indica, “agasallo dos deuses”. Actriz, dramaturga, directora e xestora, Dorotea foi pioneira en moitas cousas: A primeira muller en dirixir o CDG, onde levou adiante proxectos pioneiros, comprometidos, rompedores. A primeira en crear no 1987 unha compañía onde a perspectiva de xénero foi sempre un feito.
A primeira profesional das artes escénicas galegas que loitou pola igualdade entre homes e mulleres no sector escénico e cultural. Dorotea Bárcena, politicamente incorrecta, loitadora incansable. Sincera, valente, culta e cun extraordinario dominio do oficio. As mulleres perdemos un referente, toda a profesión o perde. Un referente escénico, cultural, de igualdade. A escena galega queda orfa. Esta Mostra recoñeceulle no ano 1988 o seu traballo co Premio Xiria ao Labor Teatral. Hoxe, 28 anos despois, a MITCF recoñécelle a súa orixinal pegada na Historia do Teatro Galego. Ata sempre, amiga. Levámoste no corazón.
Cangas, 22 de novembro de 2016