Skip to main content

'O buscador de Illas', a crítica

  • Anna R. Figueiredo
  • Noticias

Compañía: Teatro de Ningures

  • Creación colectiva a partir dunha idea de Lois Soaxe
  • Elenco: Lois Soaxe, Carlota Rosón Rojo e Martín Blanco
  • Deseño de escenografía: Pablo Giráldez "Pastor"
  • Deseño de vestiario e imaxe: Diego Seixo
  • Espazo sonoro: Héctor Pazos
  • Dirección: Salvador del Río

O día despois de que tivesen lugar as oposicións ao corpo de profesores de ensino secundario de lingua e literatura galega, estreouse na Alameda Vella de Cangas esta peza de Teatro de Ningures. A relación reside, alén de sumar un día, unha unidade, a toda casuística, na pequena coincidencia, case premonitoria, entre o bingo que escolle os temas da oposición propia (a de galego) e a realidade que se abre na Mostra de Cangas, é dicir, o tema a desenvolver “Literatura e sociedade”.

Se hai algún xénero literario ou acción artística con base literaria que teña efecto na sociedade, ten que ser o teatro. E se non ten que selo, demostra que o leva sendo desde hai ben tempo atrás, desde a voz dos devanceiros e a creación dun repositorio textual que puxese, efectivamente, o espello diante dos nosos ollos e a parede pegada ás nosas costas. Que prende a luz intensa e tivese o vagar de agardar a que abrísemos os ollos, por moito medo que levemos dentro a nos enfrontar coa realidade. O problema non marcha, díxome hai semanas un pallaso, o problema só cambia se te enfrontas a el, se o aceptas, porque pechalo e non ocuparse non fai que o problema se torne lembranza e de lembranza degrade en area que leva o vento. Os pallasos, carne e suor de espectáculo de rúa, saben todas as verdades e só comunican algunhas a través da voz, malia publicar todos os seus segredos desde a forza do acto.

Velai o labor de Carlota Rosón e Martín Blanco, os navegantes daquel gran capitán, un tanto steampunk, cun puntiño Corto Maltés e un fondo de tenrura descontrolada ao xeito artístico do que puidese ser un vello mariñeiro, salao, nas costas de Cuba que reside na pel de Lois Soaxe. Os pallasos ocúpanse do universo enteiro, son a mar e son os admiradores do home con experiencia, son rebuldeiros e intensos, xogan e nun espazo escénico reducido, en tres puntos, establecen as normas da verosemellanza que conxuran os sete mares, as profundidades abisais, os erros da vida inexperta, as consecuencias das présas e a beleza, ridícula por veces e accidentada en xeral, da cotianidade.

Entre xogos e piruetas, arroupados pola composición xeitosa de Héctor Pazos, ao estilo daquelas películas en branco e negro, debullan unha crítica á sociedade tirando do fío dos ovos das tartarugas. Desde esa singularidade afondan, e fonden, nun pecio de naufraxios colectivos que deron en modificar a temperatura das augas e o equilibrio do ecosistema, o equilibrio da vida.

O buscador de illas é unha peza lírica e delicada, con profundas mencións ao sacrificio individual polo ben colectivo nese pai que marcha do lado de seu fillo para ir salvar os ovos, desa necesidade de protexer de xeito real e proactivo as crianzas, de coidar e de coidármonos, da valentía de ser quen de abraiarse nos bailes e aprender desde a paixón e a inocencia daquel que semella que xa o sabe todo e é consciente de que todo lle queda por ollar, de facelo desde a modestia e a sinxeleza duns pantalóns frouxos e un saguraro, desde que deixan que poñas o pé ben firme contra a terra, que procures a extensión total das dedas do mar.

Se acaso tivese unha queixa, se cadra unha petición, sería de implementarlle a Héctor Pazos tocando o piano, con rodas, tras deles. Que a farsa fose tan honesta, tanto, que nin os ollos máis pechados fosen quen de negarlle a forza da verdade artística, da beleza e do equilibrio das cores, dos contos e dos sons.

FaLang translation system by Faboba