Viva a Mostra, viva Cangas e viva Galiza!
A 43 edición da Mostra Internacional Cómico e Festiva de Cangas quedou oficialmente inaugurada na tarde-noite do mércores 24 de xuño, co discurso das autoridades e o pregón da directora de escea, dramaturga, intérprete e pedagoga Noemi Rodríguez. Pasadas as 19 horas, o coordinador da MITCFC, Salvador del Río, agradecía o traballo e a implicación da xente para poñer a andar este festival, un evento que "está acadando xa unha certa dimensión".
O primeiro dos representantes político en falar foi Jorge Cubela, deputado de Pontevedra, quen destacou o feito de que a Mostra cumpra xa 43 anos "o que require profesionalidade, entusiasmo e apoio das institucións e do público". Cubela asegurou ademais, que o éxito da MITCFC demostra que a cultura "suma e non resta, multiplica e non divide". A continuación, falou o presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Jacobo Sutil destacou a implicación do tecido social e económico que permite que a Mostra continúe medrando cada ano e que siga sendo un referente de "accesibilidade e igualdade". Sutil afirmou que, a MITCFC é, a día de hoxe, "o mellor festival de artes escénicas en Galicia". Por parte do Concello de Cangas, falou a alcaldesa. Araceli Xestido sinalou que a Mostra é, sen dúbida, un dos "piares da cultura de Cangas e que axuda a crear entre nós un lazo que nos fai máis ricos como pobo".
O acto inaugural pechouse co pregón de Noemi Rodríguez, quen, nunha intervención chea de humor, falou de festas, de humor e de cultura. Podes ver o pregón completo na seguinte ligazón.
