Premios da Cultura Galega 2025: Homenaxe e tributo a quen fai medrar o país
O Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, no corazón da Ribeira Sacra, serviu o pasado xoves 9 de abril de escenario para a entrega dos Premios da Cultura Galega 2025. Na categoría de Artes Escénicas, o xurado tivo a ben premiar á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), ao considerar que se trata dun "referente autonómico e estatal en materia de igualdade de xénero", sendo o primeiro festival en España en aplicar a paridade á súa programación.
O conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, José López Campos, abriu o acto destacando que, en Galicia, "o que nos fai únicos é a nosa cultura, patrimonio e a nosa lingua" engadindo que estes premios naceron como "unha homenaxe sincera e un tributo necesario ás persoas que fixeron medrar Galicia e mostran unha imaxe marabillosa cara ao mundo". O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pechou o evento poñendo en valor o traballo dos oitos premiados (A Editorial Galaxia no eido das Letras, a Bienal de Pontevedra, en Artes Visuais; as Bodegas Marín Códax, no apartado de Música; Baños Films, en Audiovisual; o proxecto "Aquí tamén se Fala", en Lingua; Antón Corral, en Patrimonio Cultural; e o programa de radio "Sempre en Galicia", en Proxección Exterior). "Nunca é sinxelo facer unha mostra, pero non me podo imaxinar o difícil que pode resultar facelo en Cangas en vez de nunha cidade máis grande", afirmou Rueda. O presidente destacou o feito de que a Mostra leve celebrándose de forma ininterrompida desde hai 42 anos. Ao seu entender, é motivo de orgullo ver que a organización non escatima en esforzos para superarse cada ano, e que, ao rematar cada edición, "aínda lle queden folgos para facer a seguinte".
