Skip to main content

Discurso agradecemento Premio da Cultura Galega

[María Armesto, directora artística da Mostra, acompañada no escenario por Che Mariño, vicepresidenta de Xiria, entrega o premio, Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega]

Boas tardes, presidente, conselleiro, autoridades, entidades premiadas, amigas e amigos. 

Grazas, moitísimas grazas ao xurado por este premio. É emocionante e  unha verdadeira honra para nós, recibir o maior recoñecemento que se outorga ao talento e o esforzo creativo no eido da cultura galega.

Esta Mostra que hoxe premian susténtase nunha robusta estrutura de tecido humano, artístico, social e cultural. Naceu cando a democracia aínda estaba no berce e o país buscaba saír do ermo cultural xerado pola brutal ditadura franquista. 

Un tempo no que asociacións, artistas, xentes do teatro, da cultura e cidadanía en xeral atoparon fórmulas para subsistir a ese ermo e tecer a base do que hoxe somos e latexa no corazón desta Mostra, corentona pero chea de enerxía.

Herdamos un fantástico legado que, cremos, soubemos recoller e traelo ao século XXI, ampliado, mellorado e coa mirada posta no futuro, nas vindeiras xeracións. 

Nutrímonos da contorna, do espírito aberto, participativo e tolerante das xentes do Morrazo, do seu amor polo entroido, pola música, polo TEATRO. Dese espírito xorde a nosa identidade: O HUMOR e, tamén,  a igualdade.  Retroalimentámonos.

Esta Mostra foi o xermolo de grandes artistas que son referentes teatrais dentro e fóra de Galicia e, tamén, viveiro dun público experto, amante do teatro e fiel.  

Semella incríbel que un evento cultural organizado nunha vila de 26.000 habitantes teña tanta repercusión e un éxito tan rotundo como os que se celebran nunha gran urbe.

Se en Cangas soubemos explotar os nosos talentos, convidemos tamén a outras vilas e aldeas a facer, do propio algo universal. Arte e cultura accesible, nas cidades e no rural.

Compartimos este prezado premio coas persoas que fundaron a Mostra e que xa non están, X.M Pazos Varela, Henrique Harguindey e Maruxa Barrio, coas compañías de teatro galegas, coas entidades patrocinadoras, públicas e privadas, grandes empresas e pequeno comercio, co noso equipo, técnico, artístico, de deseño gráfico, de comunicación e, tamén, co público, que se renova dende 1984 e agora revisita a Mostra cos seus fillos ou netos. Todos eles fan posible o éxito deste evento.

Rematamos xa e co humor que nos caracteriza, sacamos o chapeu de bufón para facerlle, señor conselleiro, unha cariñosa  suxestión: que estes Premios, os máis importantes que se outorgan en Galicia, pasen a ter unha dotación económica e, a poder ser, con carácter retroactivo.

Grazas, moitísimas grazas.

FaLang translation system by Faboba