"Osmose", a crítica

Desde o punto de vista físico a ósmose é o proceso da procura de equilibrio nun gradiente de concentración, a través do paso do disolvente do lugar menos concentrado ao máis concentrado a través dunha membrana permeable. O compartir de fluídos para conseguir que a información quede igual a ambos lados do sistema. O soluto, porén, non chega a atravesar a membrana, só o que flúe. Asemade a RAG recolle unha acepción figurada que ilustra a influencia recíproca entre
dous elementos que están en contacto.
Sexa como for, Mercedes Peón xorde do outro lado da membrana sobre as táboas do auditorio Xosé Manuel Pazos para demostrar a densa cantidade e calidade de información que concentra da súa beira do escenario. Ela fica tras a membrana, semitransparente, e naquela inmensa lagoa orgánica de transmisión de información proxéctanse as imaxes de catro maiores a danzar, ao tempo que o campo de visión rexistra a presenza gulliveriana da gaiteira en sombras, a interaccionar coa escena que se desenvolve no danzar, no recoñecérmonos nas persoas da danza, na memoria dos maiores que se atopan nese anaco de filme, suspendido no tempo.
A espectadora xoga coa tridimensionalidade, axudada da escuridade ao outro lado da tea e, malia que coñece a realidade da bidimiensionalidade do momento, imaxina que puidese ser que a realidade habitase no outro lado ao xeito dun portal dimensional. Que puidese ser que, efectivamente, estivesemos a observar un baixo dunha casa real da aldea dentro do teatro, que se estirársemos a man poderiamos rozar as faces e as roupas das protagnistas, quizais incluso saír á rúa canda elas. Que o prezo tan só sería destrozar un finísimo anaco de tecido e, se fose o caso, o permiso da intérprete xiganta que haberá de coidar da saúde e seriedade dos individuos non disoltos na esencia dese ar que nos arrodea a todas, fluído inerte, do que penduran tanto as partículas de po coma as necesidades de abraio da audiencia.
Observamos as letras proxectadas, as mensaxes, deixamos que o recoñecemento do gradiente nos chegue ao padal. Na física, as partículas detectan o seu entorno a través de interacións, de mensaxes enviadas coma sondas na procura dunha reacción que recolla a resposta, a adiviñación das condicións de fronteira e a redefinición da fronteira que acaba non sendo esta cousa nin a outra senón todo o contrario. A música non pausa, mais cambia o tempo. Desaparecen os bailadores e comeza a historia da reivindicación sindical e laboral das mulleres. As imaxes das traballadoras das fábricas de Pontesa son a esencia máis o elemento disolvente que fai que cheguen a nós é a sonoridade que Peón enceta con cada unha das súas acometidas instrumentais e vogais. As fábricas de cerámica debullan a rutina, a creación das cuncas, perfectas, dos platos, fermosamente ornamentados. Segue a miña mente o sendeiro da voz de Mercedes, instando un sentimento atávico de unión coas mans que repiten unha e outra e outra e outra vez os mesmos movementos con tanta precisión que xa non é arte o que as donas da casa orgullosa colocan nos domingos sobre o mantelo de liño, é simplemente rutina. Falan da inxustiza, falan da folga, da necesidade de berrar e reclamar ben alto que os homes que entran a traballar na fábrica non fan o traballo e, aínda así, cobran moito máis do que cobran elas. Que non lles deixan protestar, que non están a recibir o que precisan e merecen.
Rosie a remachadora estaría con elas, sentada alí, increpando xustiza. A colonización das mulleres dentro da fábrica destrue o imaxinario popular dos libros de sociais da EXB (e aínda os de agora) con aquelas ilustracións dos homes en mono, traballadores, habitando sempre empresas de fabricación. As mulleres tamén poden traballar alí, pero iso mellor que non se reflicta. Devolve pois a memoria á quen nos pertence, insiste na influencia recíproca, no noso aporte do alento ante a historia que pode caer en esquecemento. A compositora borda o tapiz sobre o lenzo translúcido a puntadas finas de reminiscencias a Fritz Lang… Doe, tanta muller na historia e a única referencia que consigo atopar da narratividade da luz é Fritz Lang. Busco na memoria aquel nome da cinesta rusa, aquela que tanto me impresionara co emprego de dous puntos luminosos sobre o chan cando os dous protagonistas da película, ela e el, amantes, andan á procura a unha do outro no medio dun apagón que afecta á cidade. O único que observamos son círculos de luz sobre o chan, das súas lanternas, a esquivárense continuamente até que a
tanxencia infire intersección, traspasando os límites osmóticos da circunferencia, invadindo o círculo. Entendemos. Agora que a mente atopou un fluído semellante no que resoar nesa proposta lembra tamén aquel concerto de Michael Nyman en Pontevedra, no que o pianista proxectara imaxes dun xogo de mesa levado a cabo por un grupo de homes dalgún país mediterráneo. A peza, estética, conmovéranos. Homes xogando. Conmovéranos. Mulleres loitando, esa é diferenza. A arte e a cultura a brotar das mans da muller xiganta para compartir a voz profunda da existencia, para abrir a fenda a través da estética e deitar, non unha anécdota, deitar a sementa dunha loita continua cara a comunidade e a sororidade.
Un equilibrio no soluto a través da ríada dos seus decibelios. Unha regalía celular. Unha catarse de porcelana.
Mercedes Peón: Idea orixinal, composición musical e interpretación.
Peque Varela: Dirección escénica e intervención visual
Laura Iturralde: Arquitectura lumínica e artista en escena