"O espírito de Vania", a crítica

Os clásicos son clásicos por algunha razón alén do tempo, alén do lugar e o momento no que foron creados e representados, como é neste caso. Igual que na poesía rusa Pushkin adoita ser o referente, a torturada alma eslava elixe a Chekhov na arte dramática e na narrativa curta e a crítica internacional aclámao coma un dos pais fundadores do modernismo no teatro. Pode ser que os seus textos non sexan, a primeira vista, especialmente complexos mais conseguen, sobre as táboas, crear unha atmósfera de encantamento na que o público remata tendo a sensación de estar mergullado nunha sorte de fluído máxico que une aos destinos dos personaxes coa vida propia e onde, polas regras da verosemellanza da ficción dramatúrxica, só son quen de sobrevivir quen están na peza, só son quen de respirar quen habitan a peza, quen camiñan da man de Mariña ou quen recoñecen os sucos na terra que Vanya xa non traballa. O teatro de Chekhov, ancorado no realismo, semella contar da vida coma quen a escoita da boca dun amigo e describe as dúbidas inherentes á condición humana sen querer dar as respostas como intención artística do propio creador. Chekhov sementa preguntas, non solucións, esa parte fica para nós, porque a literatura rusa dá conta do carácter da nación e cada quen terá que varrer para a súa casa.
O espírito de Vanya recolle a adaptación de Carlos Álvarez Ossorio e Machi Salgado na dramaturxia, e de Fran Godón na revisión lingüística do clásico ruso Tío Vanya (Dyádya Ványa) traído ás fronteiras da Galiza nunha casa grande, coma tantas casas grandes que todas e todos coñecemos, na que viviron María, Mariña, Vania e Sonia até a chegada de Alexander coa súa nova esposa, Helena. Alexander, casado en primeiras nupcias coa irmá de Vania e pai de Sonia, leva anos vivindo na cidade cos fondos que lle fan chegar desde a casa grande, á conta dos traballadores da casa grande que sacrifican cada céntimo do casal e aceptan unha vida austera e sen comodidades para poder sustentar o labor intelectual de Alexander, admirado por todos. Agora, sen posibilidade de manter o seu estatus de diletante da arte, ou da crítica da arte, volve, enfermo e na procura de abeiro á casa da súa sogra, impoñendo o ritmo ecléctico dos seus humores na quotidanía do pazo e alterando o equilibrio do sacrificio en virtude da cultura, tan instalado na concepción rusa da vida, coa súa simple presenza. Machi Salgado, pola súa banda, asume a interpretación de todas as criaturas que poboan a historia identificando cada personaxe con cadanseu elemento escénico, maioritariamente un xogo de cadeiras, e xogando coa delicadeza das transicións e dos silencios para interpelar á espectadora a encher os ocos das respostas valéndose da arte do teatro. Este xeito de asumir un conto, este “one man, uncle Vanya” resulta fluído e harmonioso, froito do empeño e do traballo do intérprete e das persoas que idearon e conformaron este crebacabezas de voces, enxeños, subtextos e músicas para traer ao público galego e estatal a historia que nunca deixa de estar á orde do día.
Pode ser que a espectadora ocasional do teatro non se decate da decadencia á que está xa sometido Astrov (Misha, que probablemente sen sorte de serendipia é médico, como o propio Chekhov e comparte nome, ao igual que Iván, cun dos propios irmaus do dramaturgo) cando acepta beber, viño neste caso e non vodka, da man de Mariña. Pode ser que descoñeza ese segredo a voces do protocolo das terras do Volga que establece que un home que bebe nun número inferior a tres, é un borracho e está condenado á perdición. Porén ese descoñecemento non obstaculiza, na representación, comprender a ferida presente tanto no doutor coma en Vania. Non ofusca a fenda de autocontrol no atrevemento de Helena cando convida a Sonia a brindaren xuntas como amigas. A dramaturxia de Ossorio-Salgado senta, así, as bases da enorme depresión ou do desleixo emocional en canto á identidade propia e ao significado das vidas e dos soños, dos camiños a seguiren, nas que están sumidas cada unha das ánimas do pazo, parello ao desastre e desorde do propio espazo onde conviven. A colleita podrece segada no campo, as ocas e galiñas andan sen acomodar, a comida é sempre pobre e acotío está o café frío, as fragas da contorna fican contaminadas polo chamado progreso a través de especies invasoras, as comunicacións son mínimas, a arte é unha mascarada e o amor fica totalmente infectado dunha sorte de podremia de comenencia onde o único que sobrevive fermoso e inocente é o sentimento de Sonia cara Astrov, e a súa resiliencia de nai matria para tragar dor e mirara cara adiante. A dacha aparenta perfecta e desmorónase en canto alguén pousa os ollos sobre ela, a linguaxe marca o ritmo delicado, coidado, da literatura rusa; a iluminación, a música e a voz do intérprete danlle tridimensionalidade e visceralidade á historia e, pasada a treboada, é finita la commedia.
Compañía: Machi Salgado, coproduce MITCFC
Prodecencia: Galiza
Dirección: Carlos Álvarez Ossorio
Autoría: Carlos Álvarez Ossorio e Machi Salgado a partir do texto de Antón Chekhov
Público: Adulto
Corrección lingüística: Fran Godón
Deseño gráfico e fotografía: Diego Seixo
Elenco: Machi Salgado e Rubén Abad (espazo sonoro e música en directo)