As pandeireteiras de Adicam [GALERÍA]

Fina Acuña, fundadora de ADICAM (Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama e Xinecolóxico), ofreceulle no 2010 a Sara Malvido un recuncho na Asociación para crear un obradoiro de pandeireta co obxectivo de ofrecer ás mulleres un espazo de lecer e de socialización, centrado na música tradicional galega.
Son moitas as mulleres diagnosticadas e non diagnosticadas que, durante todos estes anos, foron pasando por este obradoiro para aprender a tocar a pandeireta, a aliviar as mágoas ou a sentirse parte dun grupo. Estas tardes de pandeireta desembocaron en pequenas actuacións en festas populares, tardes de furancho ou nun pequeno pero ben necesario café despois da clase. Os obradoiros de pandeireta en ADICAM son moito máis que unha terapia.
Nesta 25 edición de Mulleres en Acción, na que celebramos ás pandeireteiras e cantareiras galegas, quixemos que o grupo de alumnas de pandeireta de ADICAM se unan á celebración coa súa pandeireta como protagonista.