Skip to main content

Clausura e homenaxe a Henrique Harguindey

 
O domingo 6 de xullo celebrouse o acto de clausura desta Mostra de Cangas. En primeiro lugar, falou a súa directora artística, María Armesto, quen quixo agradecer ao público "a vosa presenza ao longo de toda a 42 edición, non só neste Auditorio senón tamén nos espazos alternativos, na rúa e nas actividades paralelas". Armesto tivo tamén palabras de agradecemento para as administracións públicas e privadas -Concello, Deputación de Pontevedra, AGADIC, pequeno comercio local e Frigoríficos do Morrazo- "polo seu decisivo apoio en cada edición". E tamén para o persoal técnico municipal de Cultura, Igualdade e do propio Auditorio e outros profesionais "que realizan un excelente traballo profesional en prensa, comunicación, fotografía ou deseño gráfico para esta Mostra, imprescindibles para facela chegar máis alá das nosas fronteiras". María Armesto tamén fixo mención á directiva de Xiria e ás súas socias e socios, "que seguen a apostar por este fabuloso evento". Armesto recordou que nesta edición, "como nas que nos preceden, optamos por unha Mostra que acolla a comedia máis diversa, negra, branca, clown, dramática, xestual, contemporánea, musical e, incluso, a través da danza, abrindo así as nosas portas ás propostas das novas xeracións". 
 
 
Pola súa banda, a alcaldesa de Cangas, Araceli Xestido, afirmou que "foron días intensos, cheos de emocións, de risa, de arte, de compromiso… e tamén de facer comunidade". Durante estas dúas semanas, Cangas converteuse "nun gran escenario", onde se deron cita 26 espectáculos, 8 estreas absolutas, compañías locais, galegas, estatais e internacionais. Xestido lembro que houbo teatro no auditorio, nas rúas, nas parroquias, "e iso é o que fai grande á Mostra: non só o que se representa, senón o que se vive".

A alcaldesa explicou que a Mostra "leva máis de catro décadas facendo de Cangas un lugar onde o teatro se defende con convicción e con humor", engadindo que, "se hoxe estamos aquí, é grazas a todas as persoas que comezaron isto, que o mantiveron en tempos complicados e que lle deron forma co paso dos anos", en referencia a Xiria "e a todas as persoas que empurran dende sempre para que isto sexa posible".

Precisamente por este motivo, este ano a Mostra quixo lembrar e agradecer, rendendo sentida homenaxe, a Henrique Harguindey Banet, "un deses nomes que sempre formarán parte do relato cultural do noso pobo e do noso país", nas propias palabras de Araceli Xestido. Harguindey, parte fundamental do nacemento e consolidación deste festival, entendía o teatro como unha ferramenta de transformación e como un acto colectivo de reflexión e cambio. A directora da Mostra falou de Harguindei como un tradutor exquisito, premiado pero discreto "até o patolóxico". O seu excepcional legado cultural, social, lingüístico, intelectual e teatral, radicalmente ético, "é todo un patrimonio a conservar e difundir", engadiu. 

Na homenaxe, Casilda Alfaro, responsable de actividades Paralelas e Formación, leu unhas palabras que o propio homenaxeado lle mandara ler no seu funeral. Despois, o seu fillo, Breixo Harguindey, lembrou o traballo realizado polos seus pais. Por último, Salvador del Río, director de Produción da Mostra, deu lectura ao poema "Eu quero ir a Lugo" ["Longa Noite de Pedra", Celso Emilio Ferreiro] que o Harguindey lle encargara ler tamén no seu pasamento. 

 
 
 
A homenaxe no Auditorio contou coa representación teatral do seu derradeiro texto dramático traducido do francés ao galego, "As gardiás ou o nó do tecelán".
 
FaLang translation system by Faboba