(Des)montando a historia [Crítica de "Julio César"]

O traballo actoral e a comedia como elementos centrais para desmitificar personaxes e historias clásicas. Así adoita enfocar a Companhia do Chapitô as súas montaxes. A que visitou o pasado sábado a MITCFC, Júlio César, foi un claro exemplo diso. O gran traballo físico do elenco, pero tamén vocal, conectado este
segundo co primeiro, e algún pequeno elemento de attrezzo dan vida a un espazo baleiro e a toda unha posta en escena que nos achega á figura de Xulio César e a algúns dos acontecementos e personaxes máis relevantes da súa vida e traxectoria, desmitificándoos. Fan para iso unha despregadura de técnica e de recursos para xerar unha abordaxe paródica de sucesos moi tráxicos que provoca un distanciamento, mais que, ao mesmo tempo, pon en manifesto as sombras dos personaxes e dos feitos.
Asombra o xeito en que os dous actores, Jorge Cruz e Pedro Diogo, e a actriz, Susana Nunes, son quen de facer os cambios entre numerosos personaxes e crear os diferentes espazos só cos seus corpos e voces, nun exercicio actoral moi esixente, para que o público poida entender a historia, sen perder a comicidade continua no xesto e na emisión vocal, así como no propio texto e demais elementos da construción dramatúrxica da peza. A función fixérona en portugués, aínda que a obra integra intervencións noutras linguas, e incorporaron tamén algunhas réplicas en castelán.
A conexión co público é constante, ao igual que o son os risos que proceden do patio de butacas, e a peza, dirixida por José Carlos Garcia e Claudia Nóvoa, consegue combinar os xogos cos estereotipos con recursos orixinais, aparentemente sinxelos pero que teñen detrás un traballo moi depurado que obtén resultados efectistas, para sorprender de xeito continuo as espectadoras e espectadores. O elenco non perde enerxía en ningún momento da obra; continúa creando e desenvolvendo ese percorrido pola historia sen economizar os recursos físicos para poñela en escena e recreándose nos gags. Aínda que cómpre destacar que a maioría do público os segue durante toda a función cunha enerxía que fai de espello da que recibe dende o escenario, a peza alóngase bastante e a capacidade de atención das persoas espectadoras comeza a caer, polo que se agradecería unha maior concisión, non porque o que fan non resulte en si mesmo interesante e atraente, senón porque pode chegar a saturar. E despois de toda a viaxe chegan por fin a ese final da obra, coñecido en canto á trama, pero non na forma, xa que o conseguen abordar dun xeito moi orixinal.
Marcharon do escenario coas camisas enchoupadas de suor do traballo, como marchan sempre despois de actuaren, así como coa complicidade do público mantida ao longo da representación e coa imaxe do auditorio en pé ao remate da función. “Oxalá as clases de historia fosen así”, dicía unha persoa do público ao saír da sala. Poden selo grazas á maxia do teatro e de compañías como a do Chapitô.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 5 de xullo de 2025.