O dramaturgo David Gun gaña o IX Torneo de Dramaturxia de Galicia

Xa se coñece o nome da persoa gañadora da novena edición do Torneo de Dramaturxia de Galicia, que se celebrou na noite do martes 24 de xuño no Auditorio Municipal de Cangas. O texto premiado é “Superego te absolvo”, do dramaturgo David Gus, e foi interpretado sobre o escenario polos actores Sergio Macías e Sergio Alfonso.
Neste IX Torneo competían tamén os textos “As Carolinas”, de Iván Caloto e interpretado por Mundo Villalustre e Roberto Leal; “Comendo terra”, da dramaturga Marta Lado e coas actrices Casilda Alfaro e Sonia Rúa na interpretación; e “Divina-mente”, da autora Amantia Coello e interpretado por Iria Piñeiro e Graciela Carlos. Un ano máis, Esther Carrodeguas fixo de mestra de cerimonias deste combate entre dramaturgos e dramaturgas baténdose na procura do voto do público.
David Gus, nacido en 1980 en Vigo, é titulado en Arte Dramática nas ramas de dirección e de dramaturxia. Actor, monologuista, director, dramaturgo e profesor de teatro, Gus é cofundador de compañía Teatro Lope de Vigo xunto con Julián Rodríguez e Marta Lado. Obras no seu haber de actor/autor como ‘A Illa de Rubik’, ‘Vaya par de dos’ e ‘Vaya par de tres’, ‘A-Lia-2’ (Coautoría con Eva Abal) e ‘A-Lia-2 2.0’ (Coautoría con Déborah Vukusic), ‘Madame Julie’, ‘Paradoxo’, ‘Homelet’ ou ‘Unha nova odisea’, entre moitas outras. Adaptacións teatrais como ‘O Nome’ ou ‘A Fundación’. Director de ‘La Noche se hizo mayor’ en Madrid. Actor en ‘Ide todos ao inferno’, ‘A cantante calva’, ‘Mort y Mert’, ‘Pedro e o capitán’, ‘Arte’, ‘Unha morte lanzal’, ‘O Salvaxe Óscar’, ‘Elemental querida Watson’,...
O Torneo de Dramaturxia de Galicia é unha aposta firme da MITCFC para dar a coñecer a nosa dramaturxia, creando un nexo directo entre autoras/es e público. Este proxecto, pioneiro en Galicia, conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega. Os torneos de dramaturxia son unha idea orixinal de Jordi Casanovas desenvolvida conxuntamente co Festival Internacional Temporada Alta de Girona.