David Gus: "Non é unha competición, é unha festa do teatro"

David Gus (Vigo, 1980) é titulado en Arte Dramática nas ramas de dirección e de dramaturxia. Actor, monologuista, director, dramaturgo e profesor de teatro, ven de gañar o premio do IX Torneo de Dramaturxia, celebrado o pasado martes no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas. O texto premiado titúlase “Superego te absolvo” e estivo interpretado sobre o escenario polos actores Sergio Macías e Sergio Alfonso.
Con el falamos apenas unhas horas despois de recibir este galardón:
Que supón para ti gañar este Torneo?
Pois a verdade é que sempre é unha ledicia gañar un premio, e máis cando o outorga o público, porque é un recoñecemento de saber que o que fas gusta dalgún xeito, e ese é para min o verdadeiro premio, porque cando se escribe, se actúa, se dirixe ... se crea, debe ser por e para o público. Pero moitas veces (neste caso foi así) non o fas dende o punto de dar ao público o que espera, senón o que non espera, e isto crea moitas dúbidas ata ver a recepción. Sinceramente, non contaba con levar o premio, e non o digo por falsa modestia, (non teño problema con esas cousas porque son dos que cando viaxan ten que pagar dous billetes, un por min e outro polo meu ego ha,ha,ha!), o digo de verdade, porque aínda que o texto me gustaba (senón non o tería escrito, claro!) moitas veces, que lle guste a un, non significa que vaia gustar os demais. E ademáis, todo hai que dicilo, para min houbo un premio engadido, que foi poder compartir de novo, case 20 anos despois, escenario coa miña antiga compañeira Marta Lado, que casualmente é a mellor actriz de teatro que tiven a sorte de ver na miña vida!
Poderías resumir de que vai o texto?
Vouno intentar ... O certo e que é difícil ata para o autor facer un resumo pola forma de escrita. Normalmente teño dous xeitos de escrita distintos, ás veces teño todo bastante claro, e escribo de forma lineal, facendo modificacións no camiño e correccións posteriores, pero cunha ideas de base claras. Pero outras (como nesta ocasión) fago unha especie de crebacabezas e vou encaixando as pezas, e isto xera unha serie de capas e subcapas, que aínda que ao final conectan, fai difícil dar unha definición. Sen querer poñerme pedante e moralista, en esencia é unha reflexión filósofica sobre o ben e o mal aplicada aos tempos actuais, pero que non pretende dar unha conclusión, senón deixar abertas portas ao espectador/lector, provocando a catarse da que falaba Aristóteles (non, borra isto, dixen que non quería pedantería hahaha ... Non o borres!). Tamén toca o tema da psicoloxía a día de hoxe, cunha pequeña crítica detrás, pero onde se dispara cara ás dúas bandas. En calquera caso, todo isto, sempre dende o intento de sacar o sorriso da xente, cun humor que, sen gustarme moito as etiquetas, poderiamos definir como ácido, sarcástico, cínico, retranqueiro e, con todo o sentido pexorativo da palabra, ata poderiamos dicir que sádico.
Como valoras esta iniciativa?
Valorada nunha palabra: Marabilla!!! Non é unha competición, é unha festa do teatro. Non importa quen leva o premio ou non, porque gañar gañamos todos. As obras das miñas compañeiras e compañeiros foron estupendas. Levar o trofeo ou non moitas veces é unha cuestion de sorte e circunstancias: a posición de actuación que che toca, como estea o que vota ese día, se Acuario está ascendente de Tauro... Esther (Carrodeguas), Santi (Cortegoso) e Salva (Del Río) son anfritións de dez. Todas as actrices e actores estiveron espectaculares. Teño que facer especial mención aos dous Sergios que me tocaron (Macías e Alfonso), porque ademais de amigos, é un pracer traballar con eles, e defenderon dun xeito incrible un texto máis complicado que o seu propio autor. En definitiva, non so é que iniciativas como esta teñan que ser aplaudidas, senón que habería que reclamar máis. Un punto de reunión de vellos coñecidos, unha ventá aberta para dar visibilidade a novas xeracións, un reto, unha forma distinta de facer e de ver teatro, un xogo divertidísimo, porque non esquezamos que en esencia iso é o teatro, xogar, con todo o bo que implica esta palabra. No momento en que deixemos de divertir e divertirnos, todo carece de sentido. En canto me chegou a proposta de participar este ano, non o dubidei un segundo, tiña unha eiva con esas datas, pero revirei o meu universo para despexalas e poder decir que si. Agradecemento tamén a Editorial Positivas polas publicacións dos libros en todas as edicións destes torneos. E xa vou parando, que cando me deixan dou moito a murga, e axiña pasa un de que o chamen dramaturgo, a que o chamen dramamurgo. Moitas grazas e non vos esquezades nunca de sorrir!