Skip to main content

A espectacularidade do fracaso [Crítica de 'El peor espectáculo del mundo... de momento!]

  • Ana Abad de Larriva
  • Críticas

Gastamos moita enerxía procurando ser alguén, evitando o fracaso, agochando as nosas miserias. Queremos que nos consideren ben e non sermos o último mono, un monifate, un calquera. Só temos que abrir algunha rede social para ver un interminable escaparate de filtros e poses nos que custa atopar entre tanto brillo un pouco de po: alguén que se abra e se amose, deixando ver as fisuras e buracos da súa realidade, fronte ás narrativas do éxito e ás imaxes que borran as marcas do paso do tempo e os tropezos, que son os que achegan a verdadeira experiencia, priorizando só os momentos de consecución de fitos. Estes, ademais, xa non teñen que ser grandes logros, abonda con darlles a feitura
axeitada para converter en acontecemento calquera evento ou acción rutineira. O caso é espectacularizala. E, como contrapunto de todo isto, a compañía vasca Zanguango Teatro fai en El peor espectáculo del mundo... de momento! unha peza sobre a mediocridade, o fracaso e o paso do tempo.

O feito de pretender crear o peor espectáculo do mundo xa parece transmitir unha certa ambición, que fai dubidar de que realmente consigan que o sexa, pero é que, ademais, logo de velo, sinto ter que contradicilos e expoñer claramente que non é o peor espectáculo do mundo e que é unha proposta divertida, crítica e humana. Nela destaca a enerxía do actor, Txubio Fernández de Jauregui, así como a súa capacidade para conectar co público, dende un humor irreverente, absurdo e acedo, polo que se coan moitas verdades e certa tenrura. Destaca o xeito en que di o texto, o código de interpretación que emprega e os gags que vai desenvolvendo nun espazo escénico sinxelo pero deseñado dun xeito
efectivo. É tamén salientable a implicación que fai do público, incorporando varias persoas dentro da propia escena, e como se relaciona con el. Outros recursos interesantes son o emprego de repeticiónscon variación, que contribúen ao avance da obra, e a incorporación de referentes locais para aumentar a complicidade.

Fernández de Jauregui formúlanos a creación dun espectáculo para o que non hai recursos, e esa propia presentación do que vai ser resulta ser a propia peza. Preséntanos unha sorte de biopic escénico dun antiheroe de barrio, alguén que, aínda que procura prosperar na vida, vai chimpando dun fracaso ao outro; facendo que conectemos con el todas as persoas que nos fomos facendo a nós mesmas dende a escaseza de recursos e as dificultades. Ademais, aborda a precariedade no mundo laboral e no campo artístico, lembrando e reivindicando que as ideas creativas precisan cartos para materializarse.

A dramaturxia, en liña co título da peza, non se sabe cara a onde nos vai levar. O paso á escena final tamén resulta abrupto, aínda que esta ten moita forza, pola vulnerabilidade que comparte co público o actor. A do cómico que se expón ao final da obra para recibir apupadas e tomates. A beleza de alguén que se amosa e se expón dun xeito liberador e poderoso, nunha danza que parte do humor e acaba volvéndose presenza e verdade. El peor espectáculo del mundo... de momento! é un acto de amor ao teatro, á comedia e á vida, a pesar do patetismo e os atrancos e erros que poboen o camiño.

Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 24 de xuño de 2026.

FaLang translation system by Faboba