Skip to main content

Soltando amarras [Crítica de 'O buscador de illas']

  • Ana Abad de Larriva
  • Críticas

Coa emoción que suscita o comezo dunha nova viaxe. Así arrancou o pasado domingo a 43ª edición da MITCFC, e por partida dobre, ou mesmo tripla. Ademais da propia botadura da Mostra, asistimos á estrea do espectáculo O buscador de illas, de Teatro de Ningures, que, á súa vez, comeza cunha singradura. A Alameda Vella de Cangas era o peirao do que partía o barco desta peza para público familiar. Atopámonos co pantalán no que estaba amarrada a embarcación pero descoñeciamos cando desatracaría e cal sería a súa travesía. De súpeto, alguén deu aviso de que o barco se puxera en marcha. O boca a boca, xente movéndose, seguindo a escena, cambiando de punto de vista. Persoas de todas as idades agardando, expectantes. Outras que pasan e se deteñen. O encontro, a interacción, o movemento.

Aí chega o barco e nel, ou con el, un mariñeiro e dous seres moi peculiares que o acompañan nunha travesía á procura de illas que están a piques de desaparecer polo cambio climático. Atopamos, pois, tres personaxes interesantes, con personalidade propia, grazas á construción física, á xestualidade e ao movemento. O vestiario, con elementos comúns pero, á vez, diferentes, axuda a darlles distinción, e o espazo sonoro contribúe a xerar a atmosfera da peza. Ademais, o emprego de bandeiras gráficas para marcar o contido de cada cadro e os cambios entre eles tamén reforza o seguimento da trama. A obra baséase no movemento e na xestualidade, así como no emprego de obxectos, cos que se xeran
interesantes imaxes, aínda que de cando en cando se usen tamén algunhas palabras.

Hai algo máxico nas pezas de rúa, abertas a seren impregnadas polo que acontece e ao funcionaren como puntos de encontro. Neste caso, o espectáculo formulara unha dificultade maior, ao non acoutar un espazo concreto e non habilitar asentos para o público. Desenvolveuse no corredor central da Alameda e alternaba a representación co barco detido co desprazamento deste ao longo do corredor, facendo que, nalgúns momentos, o público tivese que moverse de novo para seguir a viaxe. Priorizábase tamén a actuación a un lado do barco, polo que as persoas que se situaban ao outro perdían moitos detalles do que estaba a acontecer. Porén, a pesar das dificultades na recepción e os
momentos de desconexión que se puidesen producir, a dramaturxia do espectáculo e o traballo actoral conseguiron que o público puidese reconectarse rapidamente e seguilo sen perder o fío da trama. O elenco era quen tamén de facer que se xerase unha empatía cos personaxes, a pesar de que, pola necesidade de procura continua da atención do público, houbese algunhas miradas e accións que perdesen definición.

O buscador de illas é, xa que logo, un espectáculo que trata temas comprometidos (a contaminación e cambio climático e os seus efectos...) e emocións dende unha abordaxe amable e chea de ilusión que deixa espazo para as sorpresas. É ademais unha proposta moi versátil, que, alén do seu formato de exhibición actual, podería ser representada noutros espazos alternativos e convencionais, achegando outras experiencias de recepción. Quen non estivese na estrea ten aínda unha nova oportunidade de vela na MITCFC, o vindeiro domingo, 28 de xuño, en Aldán.

Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Alameda Vella de Cangas, 21 de xuño de 2026.

FaLang translation system by Faboba