Demo

As novas da Mostra

Toda a actualidade da MITCFC, para que non te perdas ningunha información sobre os nosos espectáculos, eventos e demais actividades.

Danza na rúa para todos os públicos-REVOLTALLO EN PEDRA

Foi unha marabillosa noite de verán en Cangas. Ás 21 horas do luns 4 de xullo comezaba no Adro da Igrexa un dos espectáculos no que os protagonistas eran ‘os da casa’. Un espectáculo para nenos e maiores dentro do programa ‘Revoltallo en Pedra’.

'A lingua na boca', un espectáculo sobre Castelao e a lingua galega

A 'Lingua na boca' é unha homenaxe a Castelao e á lingua galega. Un espectáculo no que converxen as súas letras riscos e pensamentos. Unha obra cómica, poética e musical sobre a figura do polifacético Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. 'A Lingua na Boca' é un proxecto deseñado para a Deputación de Pontevedra con motivo da celebración do Ano Castelao. Un espectáculo sobre o home, sobre o debuxante, sobre o médico, sobre o político, sobre o escritor. Un espectáculo sobre Galicia e a súa lingua. Dicía Castelao: "Se aínda somos galegos é por obra e graza da lingua".

'Lullaby': A revolución portuguesa do universo clown

 Unha vez máis, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas trae os espectáculo máis vangardistas do panorama artístico mundial. Lullaby é un espectáculo dinámico, que conta coa participación directa do público. Unha revolución dentro do universo do clown en Portugal. Unha performance cómica e provocadora que abre o xogo entre un pallaso transgresor e o espectador. Nesta aventura, partimos todos na procura do riso, da complicidade e da emoción, embarcando nun ambiente poético, alimentado pola música en vivo, rumbo a un mundo de xogo.

CRÍTICA TEATRAL: 'El rey'-Manuel Xestoso

AS CERTEZAS E AS SOSPEITAS

O máis complicado é sempre crear un relato alternativo. Son tantas as voces que, durante máis de trinta anos, repetiron sen cesar que a Transición española foi un proceso exemplar que establecer outra versión é pouco menos que imposible. Non importa que saibamos que as 500 familias máis poderosas do franquismo seguen a ser as que manexan os fíos do poder; dá igual que intuamos unha confabulación escura e nunca aclarada no intento de golpe de Estado do 23 de febreiro; resulta accesorio que as relacións da monarquía con réximes tiránicos, pero opulentos en petróleo, levanten todas as suspicacias. Sabendo todo iso e moito máis, rebater a verdade oficial preséntase como unha tarefa ciclópea. Os voceiros do réxime seguirán porfiando nas súas teses, e posúen moitos medios para espallalas por todas as conciencias.

LAS PRINCESAS DEL PACÍFICO: "É moi difícil vivir dignamente do teatro"

José Troncoso dirixe a obra ‘Las princesas del Pacífico’, a historia dunha tía e unha sobriña que levan tanto tempo xuntas que acabaron por converterse nun mostro de dúas cabezas. Alicia Rodríguez e Belén Ponce de León interpretan a dúas mulleres feas, grotescas, diferentes… Dúas persoas afastadas da sociedade que viven pechadas nun búnker de crochet para protexerse das nosas olladas. Pero elas tamén, desde alí, ollan para nós e rin das nosas desgrazas para sentirse acompañadas.