Demo

As novas da Mostra

Toda a actualidade da MITCFC, para que non te perdas ningunha información sobre os nosos espectáculos, eventos e demais actividades.

Venda de entradas da XXXVII Mostra

Este ano, por mor da pandemia da Covid-19, os espectáculos que se levarán a cabo na rúa terán un prezo simbólico de 1€ e será preciso dispoñer da entrada con anterioridade ao comezo da función. Deste xeito, a organización da Mostra Internacional Cómico e Festivo de Cangas quere garantir o acceso a estas actuacións ao aire libre do público realmente interesado e garantindo todas as normas de seguridade e requisitos de distanciamento social. Para mercar este tipo de entradas de rúa, e tamén para os actos que se realizarán na sala de exposicións, os interesados poderán acudir, desde o luns 6 de xullo, á billeteira do Auditorio Municipal de Cangas en horario de 11.00 a 13.00 horas, pola mañá, e de 19.30 a 20.30 horas, pola tarde.

As entradas para o resto das actuacións que se desenvolverán na sala do Auditorio pódense mercar a través da plataforma ataquilla.com. Os tíckets sobrantes da venda anticipada, se é que quedan, poderán mercarse dúas horas antes do inicio de cada espectáculo, entre as 20.30 horas e as 22.30 horas, no despacho de billetes do propio Auditorio. Nestas actuacións non haberá venda anticipada na billeteira do Auditorio. 

Durante o tempo que estea aberto o despacho de billetes, cada persoa poderá mercar entradas para calquera dos espectáculos de rúa ou sala de exposicións que se vaian desenvolver ao longo dos 9 días da Mostra. Pode ser para a obra que se levará a cabo ese mesmo día ou comprando anticipadamente para outras actuacións ao aire libre.

O horario de apertura da billeteira para as obras ao aire libre ten unha excepción. A venda de tíckets para o espectáculo do domingo 12 de xullo, por ser este ano o Auditorio colexio electoral, realizarase na Casa da Xuventude en horario de 19.30 a 20.30 horas.

Todos os espectáculos programados no Auditorio desde o venres 10 ata o sábado 18 de xullo, no horario de 22.30 horas, terán un prezo de 8€. As entradas para os espectáculos programados na sala de exposicións do Auditorio (a obra 'As boas actrices' e o IV Torneo de Dramaturxia) custarán 5€.