Skip to main content

IX Torneo de Dramaturxia de Galicia

24 Xun 2025, 21:00
Auditorio Municipal

Unha mestra de cerimonias única presentará este furioso combate no que catro recoñecidas dramaturGAS e dramaturGOS de Galicia bátense na procura do voto do público. As armas a usar? Retruques da palabra, ideas, ritmos, conflitos, sorpresas, accións, silencios.

O público asistirá a catro lecturas dramatizadas, interpretadas por actrices e actores profesionais de recoñecido prestixio, e será o propio público quen vote os textos que máis lles teñan gustado para que, de entre as catro pezas participantes, resulte unha soa a gañadora. Un espectáculo teatral, divertido e único que se verá avivado pola participación activa do público.

Mestra de Cerimonias: Esther Carrodeguas.

COMBATENTES TORNEO 2025

Iván Caloto: Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O seu eido profesional abrangue dende a docencia con menores e adultos ata o campo terapéutico. Crea os obradoiros de Teatro Emocional en 2013. Colabora con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, ADE Teatro, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Marta Lado: Nacida no Pindo e criada en Fisterra. Nai desde 2019.
Actriz titulada pola ESAD de Galicia con experiencia en cine, teatro e televisión.  Licenciada en Económicas pola Universidade de Vigo. 
Escritora de textos teatrais, contos de literatura infantil,  monólogos e sketchs cómicos para teatro e televisión. Profe de teatro. Colaboradora da revista Eló! 

Amantia Coello: Ourense, 1988. É psicóloga social e investigadora no eido educativo e cultural. Dende 2016 traballa de directora de teatro comunitario, destacando Teatro Airiños, e xuvenil, xénero no que publicou unha escolma de pezas en 2024. Entre outros, ganou o Xuventude Crea 2015 e 2024. Actualmente estuda na ESADG Dirección Escénica e Dramaturxia. 

David Gun Gundas: Máis coñecido como Lope de Vigo ou o Fénix dos inxenuos, pola súa capacidade de renacer sempre na súa propia estupidez. É un ex novo actor e dramaturgo de Knight City, mundialmente famoso por non publicar nunca nada do que escribe.


FaLang translation system by Faboba