"O teatro nunca é nocivo para a saúde"
Eduardo Rodríguez Cunha, máis coñecido como Tatán, dará o pregón inaugural da XXXV Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). Titiriteiro, actor e cantante, Tatán leva corenta anos adicados á profesión que máis ama. O feito de ser pregoeiro desta nova edición é para el "un pracer grandísimo porque é un xeito de colaborar con toda a xente que traballa todo o ano para que isto saia adiante". Tatán fala deste festival con gran coñecemento porque, dende hai moitos anos, visita Cangas para asistir a este evento. Unhas veces para subirse ao escenario como actor e titiriteiro. Outras, como orgulloso e atento espectador. Tatán aproveita para reivindicar a figura de titiriterio como unha profesión que "merece o mesmo respecto que o teatro máis clásico", pero que, ao seu entender, "moitas veces é menospreciada".
Eduardo Rodríguez Cunha, fundador da compañía de teatro Tanxarina, que este ano tamén celebra o seu 35 aniversario, é partidario de concienciar á xente "de que sempre se poden mellorar as cousas". E para conseguilo, debemos recorrer á educación. "Os títeres son un elemento importantísimo e imprescindible para contar historias e chegar á infancia". Tatán explica que, "moitas veces, contamos historias duras sobre desafuizamentos ou desiigualdades pero utilizando o humor de xeito que os máis pequenos o entendan e o asimilen mellor". Como titiriteiros, como xente da cultura, "criticamos o poder que oprime e que fai que, moitas veces, as cousas non funcionen ben". O pregoeiro entende que a Mostra de Teatro de Cangas ten o deber de axudar á xente a divertirse "con sentidiño. Entendendo que o que vemos non é nocivo para a saúde".
Tres décadas e media de historia
Que a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas chegue á súa 35 edición é moi significativo, segundo Tatán. A MITCFC "é un pouco o retrato do que acontece en Cangas durante todo o ano", nunha vila onde o teatro está absolutamente consolidado, onde hai unha escola de teatro, un auditorio dispoñible y moita xente que adora esta arte. Tatán destaca, ademáis, que a Mostra é o festival de teatro que abre a temporada en toda Galicia, un festival "moi pontente" que medra cada ano.
Eduardo Rodríguez Cunha ten unha mensaxe para toda a xente que aínda non ten decidido ir á Mostra: "Por favor, vide. Entrada na web, vede o programa e mercade as localidades que prefirades. Cangas é unha vila moi acolledora e bonita. Ademais, sempre paga a pena ir ao teatro. Arriba o telón!"