Pecha a 43 Mostra superando "con creces" as expectativas
María Armesto, directora artística da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas fai balance da 43 edición que acaba de rematar. Unha edición que cualifica de “extraordinaria, non só pola calidade e excelencia dos espectáculos senón pola fabulosa resposta do público. Un público diverso, popular e especializado”. Armesto recoñece que a 43 Mostra superou “con creces” as expectativas, sentíndose “conmovida” polos agradecementos e parabéns recibidos por parte do público. Tal e como dixo no discurso de clausura, esta Mostra susténtase nunha “robusta estrutura de tecido humano, artístico, social e cultural, do espírito aberto e tolerante das xentes do Morrazo”.
A directora artística destaca o constante aumento de público en todas as actividades organizadas. “Temos público de toda a provincia, de Santiago, de Ourense e da Coruña. Hai moita xente que incluso colle as vacacións facéndoas coincidir coa Mostra”, asegura María Armesto. Ao respecto, engade que se trata dun público que se mantén dende hai 43 anos “e que se renova con xente nova procedente da Escola de Teatro de Cangas, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e da propia mocidade do Morrazo”.
Coa cabeza posta xa na 44 edición, a organización comprométese a seguir traballando para “avanzar, mellorar e poder ofrecer excelencia, creatividade, arte e oficio”. Coma sempre, o obxectivo é ofrecer unha mistura de espectáculos internacionais, galegos e doutras autonomías que convivan en perfecta harmonía.
María Armesto quere agradecer directamente ás persoas e institucións que fan posible que a MITCFC siga medrando, comezando por Xiria, asociacion cultural que fundou a Mostra en 1984 e que segue detrás da organización da mesma. E tamén dar as grazas a unha morea de nomes propios que están, dunha ou doutra maneira, detrás da Mostra: Che Mariño (membro de Xiria e xestora da Mostra), Salvador del Río (responsable de Produción), Casilda Alfaro (Actividades Paralelas e Formación), Xoán Carlos Riobó (Teatro Amador), Estanislao Graña, recentemente xubilado e substituído por Mar Núñez como técnicos municipais; Juan José Pérez, director do Auditorio de Cangas; Paco Alfaro, Andrés Otero, Héctor Pazos e Serafín Piñeiro (equipo técnico); Diego Seixo, encargado do deseño gráfico e da fotografía; Clara Castilla, responsable de Comunicación; Yaiza Santomé, deseñadora do cartel desta edición; Ana Abad de Larriva, Afonso Becerra, Anna Figueiredo e a Erregueté que, coas súas críticas e crónicas, colaboran na difusión do traballo escénico da Mostra acolle; Paula Tenorio, directora do CIM Cangas imprescindible para levar adiante durante 26 anos o proxecto Mulleres en Acción. Ademais, a organización quere agradecer o apoio económico prestado polo pequeno comercio local e por Frigoríficos do Morrazo, ademais das axudas do Concello de Cangas, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.