'Fai o teu', obradoiro de interpretación e creación con Noemi Rodríguez
En colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), e co patrocinio da Fundación AISGE, a Mostra presenta este taller dirixido a intérpretes profesionais, estudantes de artes escénicas, directores/as e a todas aquelas persoas interesadas na interpretación e creación escénica coa directora de escena, dramaturga, intérprete e pedagoga Noemi Rodríguez Presentación.
Tal e como explican desde a AAAG, "se tes medo e ganas, e non te podes quitar da cabeza a idea de facer a túa propia obra ou o seguinte proxecto. Se che apetece lanzarte ao descoñecido e apropiarte do teu e do alleo. Se non queres esperar máis. Se tes a urxencia de facer algo, e xa case che dá igual se sae ben ou mal, e simplemente queres que suceda. Entón, este é o teu obradoiro". Ao longo de dous días as persoas participantes vivirán un proceso de creación exprés e traballarán con aquilo que lles conmociona, obsesiona, revitaliza, aterra ou produce un pracer profundo. A partir de diversos materiais —temas, preguntas, imaxes, lembranzas, conceptos, historias, referentes, etc.— o obradoiro tratará de localizar aquilo que inspira e forma parte esencial do universo creativo único de cada participante.
Obxectivos do taller:
● Revitalizar o desexo creador.
● Explorar a idea de liderado.
● Investigar o rol de dirección, dramaturxia e interpretación, e a relación entre as partes.
● Poñer en práctica ferramentas de composición escénica e dramatúrxica nunha peza propia.
● Explorar técnicas interpretativas e creativas que non están arraigadas ao texto.
● Recoñecer o universo e a poética escénica de cada participante.
● Observar e relacionar os distintos materiais creativos, así como todo aquilo que opera na posta en escena: ritmo, espazo, emoción, forma, palabra, imaxe e movemento.
● Vincular o noso traballo co seu contexto, a través da observación precisa da contorna.
● Desenvolver a capacidade de xogo, imaxinación e intuición artística.
Noemi Rodríguez é directora de escena, dramaturga, intérprete, pedagoga e asesora de procesos creativos. Premio Ojo Crítico de Teatro 2019 pola súa traxectoria en Teatro En Vilo, Noemi está considerada unha das creadoras máis interesantes do panorama teatral contemporáneo. Formouse na ESAD de Galicia e posteriormente realizou un Máster en Artes Escénicas na Universidade de Vigo e un curso de posgrao na London International School of Performing Arts grazas ao Programa de Bolsas no Estranxeiro da Fundación Barrié de la Maza.
Noemi Rodríguez desenvolveu as distintas facetas do seu traballo en países como Francia, Portugal, España, Inglaterra, Estados Unidos, Turquía e India. Impartiu obradoiros de dramaturxia, storytelling, creación teatral, teatro xestual, creación colectiva e improvisación en institucións públicas e privadas de Francia, Italia, Chipre, Reino Unido, India e España para profesionais das artes escénicas, infancia, adultos e colectivos en risco de exclusión social. Coordinadora do Club de Lectura do Centro Dramático Nacional (23/24) e profesora especialista da Real Escola Superior de Arte Dramática (24/25). Como directora e dramaturga traballou en numerosas institucións de prestixio, destacando “Blast”, “La Distancia” e “Man Up” do Centro Dramático Nacional; “Terceiro Acto” do Centro Dramático Galego; e as multipremiadas “Interrupted”, “Generación Why” e “Hoy Puede Ser Mi Gran Noche”, de Teatro En Vilo. Dirixiu e escribíu “Malena, llena eres de gracia”, “Locxs de Amor” (Art For Change La Caixa), “Miss Mara, quien se reserva no es artista” (Circo Price) e “Escenarios de Chamberí”, en colaboración co Teatro de la Abadía.
Datas e duración: Do 25 ao 28 de xuño, en horario de 10:30h a 14:30h. 20 horas
Lugar: Centro Social de Cangas, Rúa Cuba no 4. MAPA
Prazas e selección do alumnado: Este obradoiro ten 16 prazas activas e 5 de oíntes. A admisión realizarase por sorteo entre as persoas rexistradas en caso de haber máis solicitudes que prazas, tendo preferencia os socios de Xiria ou da AAAG, constituíndo unha lista de espera de ser o caso.
Prezo: Membros da A.C. Xiria, a AAAG e/ou AISGE, 120 euros
Membros da AAAG en paro: 75 euros*
Non socixs: 160 euros
Praza de oínte: 60 euros
Inscrición: Dende o xoves 28 de maio, até o martes 16 de xuño, ás 15h. a través do formulario que figura na páxina web da AAAG: https://aaag.gal/actividades/69/xxx
Reserva de praza e forma de pago: Comunicarase a lista de admisión a tarde do 16 de xuño. De rexistrarse máis solicitudes que prazas, constituirase unha lista de espera.
Para reservar a súa praza as persoas admitidas deberán facer o ingreso do 50% do custo do curso ata o luns 22 de xuño ás 12h. Este depósito non será reembolsable no
caso de que a persoa admitida finalmente non faga o curso excepto por causa xustificada. No caso de non facelo a praza pasará a seguinte persoa na lista. De non acadar solicitudes suficientes, a organización poderá suspender a realización do taller.