Morris: “Sempre me definín como un actor de teatro que saltou ás pantallas. Hoxe considérome un home de proxectos”
Na súa 43 edición, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas decide outorgarlle o Premio Xiria ao Labor Teatral a un dos actores máis coñecidos e recoñecidos dentro e fóra de Galicia. Antonio Durán ‘Morris’ recollerá o vindeiro mes de xullo este recoñecemento sabedor de que se lle concede “de corazón”. Porque Mostra e ‘Morris’ arrancaron a súa andaina case ao mesmo tempo. Pero tamén porque os camiños da Mostra e de ‘Morris’ se cruzaron en máis de unha, de dúas e de tres ocasións nestes últimos anos. Aínda que de adolescente se achegou ao teatro de xeito casual, pronto se converteu no seu “sitio de expresión”. ‘Morris’ descríbese a si mesmo como un actor “de pico e pala”. Como meta, “volver facer un espectáculo en Galicia con grandes medios e cos mellores profesionais”. Como soño, “con toda a experiencia que teño enriba, volver empezar”.
- Premio Xiria ao Labor Teatral da 43 Mostra. Que supón para ti este recoñecemento?
Aínda que soe a tópico, para min é unha alegría tremenda, sobre todo vindo de xente que comparte o camiño que eu recorrín. Normalmente son merecedoras deste galardón organizacións que teñen que ver coa promoción e organización teatral. Pero o certo é que, por moito e moi ben que se programe, se os actores non désemos o ‘Dó de peito’ e non enganchásemos ao público, esa labor quedaría en nada. Nese sentido si que lle vexo sentido a este premio e me sinto dobremente agradecido. Nunca me atraeu dirixir nin escribir. O único que me divirte é o proceso de meterme na pel dun personaxe. Sei que este é un premio que se me concede de corazón.
- Cal é a túa relación coa Mostra de Cangas?
Eu vina crecer. O nacemento da Mostra coincide cos meus inicios no teatro, cando tiñamos a Sala Carral en Vigo. Fixen teatro en Galicia até non hai moito tempo. Ultimamente o meu traballo caeu moi fóra de aquí e estou algo máis desconectado. Que se me conceda este premio en Galicia, e en concreto en Cangas e con xente que me veu nacer, faime moi feliz.
- Recordas a primeira vez que asistiches a unha representación en Cangas como espectador?
Foi xa nas primeiras edicións da Mostra. Non me lembro exactamente a obra, pero, ao longo do tempo, si que recordo ir ver sobre todo espectáculos da compañía Teatro de Ningures.
- E xa como actor, que recordos tes?
Recordo dar un pregón xa hai moitos anos, cun texto que me axudara a escribir Anxos Sumai. Tamén estiven enriba dos escenarios coa obra ‘A Leituga’ (2018) e participei en algún dos combates do Torneo de Dramaturxia.
- Que ten a Mostra de Cangas de especial que, despois de 43 anos, segue medrando?
Ten historia e traxectoria. No seu éxito tamén axuda o feito de que, no sur de Galicia, non haxa festivais de teatro que representen a toda unha comarca. A Mostra é un sitio onde acude xente de Vigo e de moitos lugares do arredor. E despois está a programación, que é marabillosa e supérase cada ano. O feito de que sexa unha mostra cómico-festiva tampouco adoita ser algo moi dado nos festivais. E, por último, a xente que está detrás e que eu coñezo. Profesionais moi preocupados, que saben moito de teatro e que conseguen cada ano traer grandes espectáculos a base de moitísimo esforzo. Porque tampouco contan cuns grandes medios. Realmente é moi agradable ir ao festival de Cangas porque ademais teñen moitas vertentes. Hai teatro na rúa e case a calquera hora. Unha marabilla.
- “Un referente indiscutible tanto para o público como para o sector escénico de Galicia”. Recoñéceste nesta descrición que fai de ti a organización?
‘Referente’ é unha palabra que non me gusta escoitar ou reproducir cando se está a falar de min. Digamos que pertenzo á historia do teatro. Porque, claro, vin nacer todo, desde compañías privadas que xa morreron até o propio Centro Dramático Galego. En Galicia hai actores e actrices que, aínda non sendo tan populares coma min -porque fixen moita televisión-, si son mellores referentes no teatro e nas artes escénicas.
- Quen é ‘Morris’?
Morris é un personaxe que se fixo. No fondo, se che son sincero, penso que haberá dúas historias paralelas ao final da miña vida: a historia de Antonio Durán, actor; e ‘Morris’, un personaxe que se fixo un pouco en todos os eidos. No teatro -a miña orixe-, na televisión e no cine.
- Do que non cabe dúbida é da túa capacidade de chegar ao público. É un don ou froito de moito traballo?
Froito de todo o traballo que hai detrás. E, claro, tamén hai que ter algo. Eu non tiña vocación de actor. Atopeime coa arte dramática no instituto da Guía (Vigo) cando facía COU.
- E como foi esa “revelación”?
Unha profesora meteume nunha representación e descubrín, enriba dun escenario, que eran quen de comunicar. Á xente encantáballe e ría moito comigo, cousa que me sorprendeu porque me considero un tipo bastante aburrido, tristón e obsesivo. Descubrín iso e funme quedando. Non foi algo predeterminado nin estudado.
- Cóntanos un pouco máis deses inicios.
Foi a profesora que tiña de Francés, chamada Maite, quen no Día das Letras Galegas me convenceu para facer, como non, a obra ‘Os vellos non deben de namorarse’. Daquela comezabamos a ir polos institutos e fun encontrando no teatro o meu sitio de expresión. Eramos daqueles que diciamos que estabamos nun proceso de profesionalización, pero máis que conceptual era realmente de modo de vida. Era case unha actitude. Foi unha forma de encontrarme co teatro e facer diso, case sen darme conta, unha forma de vida. Non tiñamos as pretensións que se teñen agora. Tratábase de xogar coa vida e co que sentías polo teatro e sacabamos adiante cousas moi importantes case sen darnos conta. Foron momentos moi bonitos.
- Como foi o camiño até agora?
Pertenzo a esa xeración un pouco de creadores todo terreo, que eran resistencia cultural e que logo, co tempo e con moito traballo, nos fomos especializando. Considérome un actor “de pico e pala”.
- E diría que con talento?
O talento que eu teña ou non deberían dicilo os espectadores, pero sinto o mesmo medo cando creo algo agora que cando empecei. Penso que o talento é unha arma de dobre fío. Se o tes, enténdese que sempre o tes demostrar e pode levarte á insatisfacción. A realidade é que tes que superarte e esixirte máis cada día. É unha carreira de fondo.
- Como evolucionou o ‘Morris’ actor ao longo do tempo?
Fun evolucionando co propio traballo. Como non fixen carreira de actor nin estudei, aprendín a base de traballo. De xeito autodidacta. Deste xeito fun convertendo a falta dun método persoal e académico nun método en si mesmo. É o método da experiencia que aquires das cousas que xa fixeches. Para min, cada traballo que fun sumando traduciuse nunha experiencia que me enriqueceu, pero que tamén me fixo dubidar dos anteriores. Avanzar nunhas cousas e novas dúbidas. Avanzar e dubidar. Tamén tiven certa fortuna, porque conseguín darme a coñecer e conectar co público. Grazas a iso, déronme a oportunidade de facer grandes personaxes.
- Que cousas cres que aínda che quedan por aprender?
Diríache que todo. E nada ao mesmo tempo. Seguirei aprendendo sempre que haxa proxectos nos que eu me sinta cómodo, aos que poida imprimirlles toda a experiencia que teño con respecto á creatividade, á calma,... Cada vez que fago un espectáculo novo, unha película, teño a sensación de abrir unha porta que nunca abrira anteriormente. Entón, esa porta vaime levar a un montón de sitios. Cando xa tes unha certa experiencia e asimilas todo o vivido, empeza outro labor, que é intentar desaprender todo o que aprendiches, porque é a única forma de manterse vivo. É unha pelexa continua, un círculo vicioso. Nunca sabes até que punto aplicas cousas que aprendiches nos novos proxectos. Ou se o feito de ter aprendido algo te leva a intentar algo novo.
- Tes algunha meta?
Si. Volver a vivir grandes proxectos. Conectar, estar tranquilo e rodeado de grandes equipos. Para min esta última etapa con Andrés Lima coa obra ‘1936’ foi un regalo. Estaba máis metido no mundo audiovisual e déuseme a oportunidade de volver a conectarme con esa creatividade case dos anos 80. De teatro puro. De saír sen nada á escena e crealo todo. Coa experiencia que teño agora, quixera volver facer un espectáculo en Galicia con grandes medios, cos mellores profesionais -sei quen son e son moitísimos-, e poder xirar por Galicia e por fóra con esa sensación de que somos moi importantes.
- Algún soño imposible?
Con toda a experiencia que teño enriba, volver empezar.
- Como ves a profesión?
Encantaríame ver unha profesión moito máis unida e coas cousas máis claras. Gustaríame ver os profesionais máis mesturados, os de antes coa nova xente que sae da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, por exemplo. Quixera recuperar aquel espírito dos 80, de cando coñecín o teatro. Sei que moitos profesionais o teñen, pero colectivamente cada vez somos máis minifundistas. Non só en Galicia, senón en toda España.
- Atesouras ás súas costas unha dilatada traxectoria como actor de teatro, cine e televisión, tes algunha preferencia?
Eu sempre me definín como un actor de teatro que logo saltou ás pantallas. Hoxe en día considérome un home de proxectos. Eu, ante unha mala obra de teatro, escollo unha boa serie. E ante unha mala serie, podo coller unha película. Depende sempre do proxecto. Creo firmemente que os actores, se temos oportunidades, nos enriquecemos dos tres medios, xa que nos dan cousas distintas. Pero tamén é certo que a verdadeira dimensión do enfrontamento persoal co público é a que che dá o teatro, e é fundamental. Non para que sexas un gran actor de cine, pero si é fundamental para que sintas o que é a exposición directa diante do espectador e ser ti o dono do escenario e do que fas. No meu caso, o cine e as cámaras déronme grandes momentos. E sei tamén que cando existe ese chispazo coa cámara é a mesma que xorde no escenario co espectador. Aínda que non son moi futboleiro, son moi celtista desde pequeniño. E aprendín que, se un futbolista non adestra, vai ser difícil que xogue. E para un actor, o adestramento teatral é fundamental. A sensación de abismo, esa dimensión que che dá o escenario cando sobe o telón e quedas só diante de todos os espectadores é única. Tamén é moi importante, fagas un protagonista ou un secundario, saber mirar á cámara. Intuír ao espectador ao que te estás dirixindo co xesto, coa grandeza ou co minimalismo.
- Entón non tes un medio preferido?
A ver, sendo sincero comigo mesmo, direi que o teatro é o principio dun actor. Tamén pode ser á inversa, pero é máis fácil que un actor de teatro se pase ao cine ou á televisión que ao contrario. É máis difícil que alguén que só fixo audiovisual se pase ao mundo da escena e triunfe. Porque o mundo da escena e do teatro é un traballo minucioso.
- É un bo momento para o teatro?
Pois, en xeral, si. Pero tamén é un momento difícil porque, ás veces, teño a sensación de ter vistas xa demasiadas cousas e de que todo se parece a todo. Tamén é difícil porque nesta profesión hai moita xente que loita por sobrevivir e ten que pelexar contra todo.
- Que cousas habería que mellorar para que a xente acudira máis ás salas?
Quizais unha infraestrutura que hoxe en día non temos en Galicia. Igual fracasamos un pouquiño naquel anhelo de pensar que era posible ter programacións fortes nas cidades, moitas compañías e un teatro nacional que nos representase. Non o conseguimos. Si está a rede de teatros, pero non logramos penetrar quizais no público urbano. E non é só que non existan salas porque, en Vigo, por exemplo, hai dúas. Nas miñas últimas experiencias en Madrid comprobei que alí o teatro conseguiu facerse algo necesario, e non porque alí se representen obras de máis calidade. En Galicia non conseguimos que o teatro se convertese nun produto de consumo necesario. Non podemos ter un gran teatro como era o ‘García Barbón’ e entregarllo a un banco e ter os grandes contedores baleiros. Coa obra ‘1936’ non había espazo para vir a Vigo. Son cousas que claman un pouco ao ceo. Parece que promovemos o pequeno espectáculo para que sobreviva, e non hai cabida para as obras máis grandes. Para min tamén é un fallo que o Centro Dramático Galego se quedase no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Haberá xente dalgunhas compañías que digan que, se non fose así, sería unha competencia desleal. Non o sei. Creo que hai un debate pendente que, pola idade, xa non me vai tocar a min. Por outra banda, ao mellor tamén nos confundimos, moitas veces, catalogando espectáculos de “comerciais” como algo negativo. Creo que ás veces somos demasiado esixentes cos produtos que vendemos. E non sabería explicarche moi ben por que, pero ás veces en Galicia non conseguimos calar no tecido da sociedade.
- Pode o teatro axudar a recompoñer a situación actual de crispación social e política?
O teatro, se algo ten, é que é unha arma potentísima. Pero teño a sensación de que ás veces, a nivel artístico, penetramos até onde nos deixan. Estou falando de televisión, de cine, de teatro. Incluso ás veces nos autocensuramos un pouco por medo a que nos calen por levantar a voz demasiado. É certo que hai un control tremendo, pero tamén existe un certo autocontrol que nós deixamos que exista. Raras veces agora alguén saca o pé do testo e golpea.
- De que xeito o teatro axuda á sociedade?
O teatro é vida. Serve para denunciar, para entreter e para producir un montón de sensacións. E todas son válidas. Se pensamos que o teatro ten que ser unha arma para solucionar esta sociedade, estamos jodidos. Cada vez máis agradezo que, cando asisto ao teatro ou vou ao cine, durante ese tempo me conquisten. E moitas veces conséguese con cousas pequenas, grandes, importantes, menos importantes, con visións persoais,... Iso é o que temos que recuperar: o xogo, a creatividade. Por aí creo que vai o camiño.
- Este premio queres dedicarllo a…
... a quen ten o valor de entregarmo, porque é unha xente tan merecedora coma min. É un premio colectivo de todas as persoas que empezaron comigo. Un premio froito dunha traxectoria que fixen con moita xente, persoas que xa non están e outras que seguen facendo un esforzo titánico.