Skip to main content

Un enganador honrado [CRÍTICA DE "CHARLATÁN RODRÍGUEZ"]

  • Ana Abad de Larriva
  • Noticias

Un vendedor ambulante que chama pola xente. Un charlatán con algúns trucos e moita verba que o mesmo che tenta para que invistas cartos, dándoche a posibilidade de duplicalos, como se ofrece a quitarche as preocupacións mentais, prepararche a túa apócema da felicidade ou desvelarche quen é o teu amor verdadeiro. Con esas pretensións chegou a Cangas "Charlatán Rodríguez", o personaxe protagonista do espectáculo homónimo da compañía Rendos Pequeno, do músico e humorista galego Félix Rodríguez; unha peza para público familiar dirixida por Fran Rei da que a MITCFC programou tres funcións en diferentes parroquias do concello. Logo dunha na praza da Constitución e doutra no adro de Darbo, o pasado sábado Rodríguez levou os seus trebellos e remedios a Coiro. Tiña previsto ofrecelos no adro da igrexa, pero o intenso sol e as altas temperaturas que facían ferver a tarde fixeron que trasladase o posto ao centro cultural. As persoas que non souberamos deste cambio e chegamos a un atrio baleiro axiña nos guiamos polo son da música e da súa voz amplificada para ir á nova localización.

As cadeiras fóranse enchendo e el canta a súa canción, esa melodía propia que todo bo vendedor ambulante, e especialmente todo charlatán que aspire a selo, debería ter, e Rodríguez mesmo fai que o público a cante con el. Cartos, cartos, cartos. Como bo charlatán axiña nos confesa que o que máis lle gusta neste mundo é o diñeiro, e ofrécese a darnos consellos para gañalo. Así nos presenta a súa impresionante multiplicadora de cartos; así nos convida a inverter un euro para gañar un xamón..., pero axiña descubrimos que non estamos ante un enganador calquera, porque, a pesar dos seus hábiles recursos para engaiolarnos e levarnos cara a onde el quere, ten bastantes escrúpulos. Como el mesmo nos confesa, el engana, pero honradamente. Ademais, pese á súa picaresca e á súa aparente ambición, prometéndonos volvernos ricos, achegarnos a felicidade e o amor ou devolvernos a paz mental, cada número que nos ofrece Charlatán Rodríguez vén acompañado dunha ensinanza vital.

Segue a chegar máis xente, que se vai integrando organicamente, grazas á interacción do propio actor, quen tamén responde con humor ás reaccións do público ou mesmo as incita. Atopámonos, pois, ante un charlatán con moita labia e capacidade para lidar co que se lle bote enriba, que emprega a linguaxe inclusiva, atende á diversidade e ten tintura de gurú, pero que marcha máis pobre do que chegou. Estamos, xa que logo, ante un interesante personaxe, nun espectáculo para público familiar que conxuga humor, música, maxia e reflexións vitais, nunha proposta amena, aínda que algún xogo, como o da apócema da felicidade, se dilate un pouco de máis para o final que logo ten.

Remata a función. Cada persoa recolle a súa cadeira, manténdose aínda esa sensación de comunidade que xera o teatro, especialmente este tipo de propostas para público familiar, e máis nun espazo como é un centro cultural veciñal. Saio e escoito un rapaz que marcha cantando a canción de Charlatán Rodríguez. O seu pai pregúntalle se lle gustou o espectáculo; o neno deixa de cantar e responde que si. Non teño nada máis que dicir. Nestes espectáculos, os pequenos e pequenas son os verdadeiros críticos.

FaLang translation system by Faboba