Skip to main content

Anxos de ás brancas e negras [CRÍTICA DE "TODOS LOS ÁNGELES ALZARON EL VUELO"]

  • Ana Abad de Larriva
  • Noticias

Como cadros que espertan e se moven, que se despegan do chan e se volven pousar. Así decorre a obra "Todos los ángeles alzaron el vuelo", que acolleu a MITCFC o pasado venres; o último espectáculo da veterana compañía andaluza La Zaranda, fundada en 1978. O público vai entrando no auditorio e sobre o escenario atopa unha estampa viva, conformada polos cinco personaxes que fan latexar a obra. Todos habitan as marxes da sociedade, mais preséntanse no centro da escena a un público que vai ver aquela realidade na que no seu día a día evita pousar a mirada. Velaí temos dúas prostitutas, un chulo, un camelo que vén de saír do cárcere e un home que se nos presenta como “o idiota”, e que resulta ser o máis lúcido de todos, porque leva dentro a sabedoría dos clásicos sobre as luces e as sombras da vida.

Viven nas beiras, dicía, e hai quen quere saír delas e aínda soña con ter algunha posibilidade de facelo; quen non atopa ningunha fenda para escapar ou quen só sabe volver ao mesmo lugar, pois non ve outro futuro posible, aínda que isto lle supoña unha nova baixada aos infernos; e quen pisa e abusa de quen está peor para vivir mellor nelas. Redención e castigo; anxos caídos, demos con ás e cartas que precipitan o final da partida... Un baile continuo entre o grotesco e o sublime. Así decorre a peza, entre estampas de gran plasticidade pintadas con clarescuros, grazas á iluminación e ao movemento dos personaxes, e destaca nela o traballo corporal das dúas actrices e dos tres actores, a súa xestualidade, e tamén a súa maneira de diciren o texto, ripándoo, mastigándoo, cuspíndoo, guindándonolo ao público ou simplemente á vida.

Contrasta esa dureza áspera dos personaxes e da maneira en que miran, se moven, xesticulan e falan, nunha realidade e verdade que se prende na caixa de cervexa baleira, no somier e na vella cadeira de rodas cos que van debuxando a escena; coa linguaxe elevada do “idiota”, nas súas alusións literarias, e nas súas referencias metateatrais, moi ben artelladas no texto de Eusebio Calonge, e co lirismo extremo que moldea o engaiolante movemento de Ingrid Magrinyà, nesa danza liberadora da personaxe de Micaela que xera estampas fermosísimas e provoca nela polos que impactan. Conmove tamén a capacidade de Natalia Martínez para conectar co público ofrecendo moitos matices da súa personaxe La Alacrana; e sorprende a solidez e riqueza construtiva dos personaxes que compoñen Gaspar Campuzano, Francisco Sánchez (Paco de la Zaranda, director tamén da montaxe e deseñador do espazo escénico) e Enrique Bustos, para pintar cada un o trazo que precisa o cadro.

Despois de arderen pousouse o po e as cinzas están listas para o renacer. Quedan só unhas liñas para que remate a obra e o libro se peche; todo está preparado para que os personaxes poidan alzar o voo grazas ao recordo que prenderon no público. Porén, debeu de entrarlles o medo de que isto non fose así e seguen a mover as ás, dando pequenos chimpos, volvendo caer ao chan e debuxando círculos na escena, ata que por fin se deciden a botarse a voar e desaparecen bailando no ar, mentres o público aplaude.

FaLang translation system by Faboba