Xoana Almar: “Teño o compromiso de non deixar de falar da clase traballadora, de feminismo e de reivindicar o goce, o ocio e a cultura”

Xoana Almar foi a artista encargada de deseñar o cartel para a 42 Mostra de Teatro de Cangas. Muralista, ilustradora e pintora, Almar reivindica o papel da arte como unha potente “ferramenta de comunicación” cunha forte compoñente política. Para facer o cartel desta edición, optou por “unha imaxe sinxela de dúas mulleres que rin e se contan historias”.
- Que pasou pola túa cabeza cando recibes a proposta de ilustrar o cartel da 42 Mostra de Teatro de Cangas?
Fíxome ilusión poder participar neste proxecto con tantos anos de traxectoria.
- En que te inspiraches á hora e deseñalo?
Deille moitas voltas. Como representar o teatro cómico e festivo? Ao final optei por unha imaxe sinxela de dúas mulleres que rin e cóntanse historias que se entrelazan e das que xerminan novas sementes. Un marco de ollos as envolve e observa coma nun escenario.
- Que che gustaría que a xente sentise ao ver o cartel?
Complicidade con ese momento de desfrute entre amigas que rin e comparten historias.
- Tes algún vínculo con Cangas ou co mundo do teatro?
Con Cangas en concreto non, aínda que o meu pai era do Grove e sinto un cariño especial polas Rías Baixas e toda a súa idiosincrasia. Sempre sentín moita admiración polo teatro e durante os anos de instituto vivino en primeira persoa representando varias obras teatrais.
- Cando te deches conta de que querías ser artista?
Así dito, como artista nunca. Eu sempre debuxei e pintei e dábame conta que o tempo voaba mentres o facía. Os meus estudios non teñen relación coa arte, pero a vida dá moitas voltas e aquí estou, vivindo dos murais e da ilustración.
- Que ensinanzas sacaches da formación como ilustradora?
Que só se aprende debuxando e pintando moito e mantendo a curiosidade e o entusiasmo por coñecer e observar o que nos rodea. A pintura, a música, o teatro, o cine, a danza, a literatura, a poesía, o téxtil, a artesanía...son motores creativos.
- Cales son as túas principais influencias artísticas da pintura galega?
Isaac Díaz Pardo, Maruxa Mallo, Luís Seoane e Xosé Vizoso.
- Por que case sempre as protagonistas son mulleres?
Supoño que porque son muller. Pensándoo ben, non paro de debuxar mulleres. Son as protagonistas absolutas na miña obra.
- Como chegas ao muralismo?
Sempre me interesou moito o muralismo e o graffitti. De nena, pintei co meu pai un debuxo que quedou na parede da nosa casa, despois en casas de amigos/as e cando vivín en Granada coñecín un grupo de rapaces que viñan do graffitti e comecei a pintar con eles.
- É este un bo momento para o muralismo?
Polo menos podo dicir que é un momento no que se pode vivir do muralismo, o que fai que se profesionalice o traballo e poidas dedicarlle máis tempo a cada mural. Traballar disto tamén crea ás veces conflitos ao redor da liberdade creativa. Pero cando comecei a pintar era impensable vivir disto.
- A que cres ti que se debe o auxe desta técnica?
É unha ferramenta de comunicación moi potente, onde se suma a expresividade da pintura, o gran formato e a rúa.
- Identifícaste máis como muralista, como pintora ou como ilustradora?
Agora creo que máis como muralista, noto que é o traballo que sae máis sinxelo e ata máis rápido.
- Como nace a idea de crear o proxecto Cestola?
Naceu no 2013 xunto a Miguel Peralta e Raquel Doallo. Creámolo como unha necesidade de intentar traballar naquilo que queriamos, de profesionalizarnos.
- Que buscas transmitir coas túas obras?
As ideas e emocións nas que ando sumerxida, moitas veces movidas pola política, a filosofía, a poesía...
- De que xeito a arte pode axudar nun mundo tan convulso?
Como dicía, a arte é unha ferramenta de comunicación moi potente porque entra pola parte racional das ideas que transmite e pola emocional, a través das formas, cores, texturas elixidas... A arte ten sempre unha compoñente político e é moi importante ter consciencia diso e do que queremos comunicar. Pola miña parte, teño o compromiso de non deixar de falar da clase traballadora, de feminismo, dos abusos do poder, de reivindicar o goce, o ocio, a cultura, o tempo coas amigas e familia... E non deixar de formarme para intentar manter unha mirada crítica.
- Como ves á Xoana Almar do futuro?
Espero que na mesma liña, debuxando, pintando e subíndome aos andamios e ás grúas para facer murais.