![](/index.php/component/ajax/?p=image&src=WyJpbWFnZXNcL0NISVNfRV9QUklTQ0lMQS5qcGciLFtbImRvUmVzaXplIixbNzY4LDcxMCw3NjgsNzEwXV0sWyJkb0Nyb3AiLFs3NjgsNDMyLDAsMTM5XV1dXQ%3D%3D&hash=97dd0c1bb5490bb306b9c5d81424bd6d 768w, /templates/yootheme/cache/CHIS_E_PRISCILA-5584f1a0.jpeg 1024w, /index.php/component/ajax/?p=image&src=WyJpbWFnZXNcL0NISVNfRV9QUklTQ0lMQS5qcGciLFtbImRvUmVzaXplIixbMTI4MCwxMTgzLDEyODAsMTE4M11dLFsiZG9Dcm9wIixbMTI4MCw3MjAsMCwyMzFdXV1d&hash=60b7ac34d0fcc9ff1416d881fe1f3d83 1280w, /index.php/component/ajax/?p=image&src=WyJpbWFnZXNcL0NISVNfRV9QUklTQ0lMQS5qcGciLFtbImRvUmVzaXplIixbMTM2NiwxMjYzLDEzNjYsMTI2M11dLFsiZG9Dcm9wIixbMTM2Niw3NjgsMCwyNDddXV1d&hash=4cc5e57acc5770ac654a05a54fce92a3 1366w, /index.php/component/ajax/?p=image&src=WyJpbWFnZXNcL0NISVNfRV9QUklTQ0lMQS5qcGciLFtbImRvUmVzaXplIixbMTYwMCwxNDc5LDE2MDAsMTQ3OV1dLFsiZG9Dcm9wIixbMTYwMCw5MDAsMCwyODldXV1d&hash=178a0b6d2e72a3f77d7ab2620a0353e5 1600w, /index.php/component/ajax/?p=image&src=WyJpbWFnZXNcL0NISVNfRV9QUklTQ0lMQS5qcGciLFtbImRvUmVzaXplIixbMTkyMCwxNzc1LDE5MjAsMTc3NV1dLFsiZG9Dcm9wIixbMTkyMCwxMDgwLDAsMzQ3XV1dXQ%3D%3D&hash=e31bd1a0df7b35c2c16e60453e90c0ff 1920w, /index.php/component/ajax/?p=image&src=WyJpbWFnZXNcL0NISVNfRV9QUklTQ0lMQS5qcGciLFtbImRvUmVzaXplIixbMjU2MCwyMzY2LDI1NjAsMjM2Nl1dLFsiZG9Dcm9wIixbMjU2MCwxNDQwLDAsNDYzXV1dXQ%3D%3D&hash=27afb164040cfe98557d4a02b870844a 2560w)
'Comando Igualdade': A revolución feminista que naceu nas aulas convértese en libro
“En Vigo, leva anos xestándose un comando revolucionario que busca a igualdade de xénero e que marca para sempre a vida dunha mocidade que quere un cambio”. Deste xeito se presenta o libro ‘Comando igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas’, escrito a dúas mans por Chis Oliveira, premio Mulleres en Acción 2020, e Priscila Retamozo, politóloga e experta en xénero.
O libro explica o porqué da formación do Comando Igualdade, un colectivo vigués que nace hai dez anos integrado por adolescentes e que foi tomando forma nas aulas de Filosofía dun instituto. Recolle, ademais, o debate social e transversal que busca xerar a mocidade que o conforma e a necesidade de que se estenda sen límite un Comando Igualdade noutros centros de estudos e tamén en calquera recuncho do mundo.
Chis Oliveira e Priscila Retamozo, ao comezo mestra e alumna, son as autoras deste manual para desaprender condutas sexistas que non sabiamos que tiñamos inculcadas e automatizadas. Un libro para deixar atrás os prexuízos e para pór en práctica a equidade, a empatía e a corresponsabilidade de forma colectiva e dende unha perspectiva feminista.
Chis Oliveira, catedrática de Filosofía, escritora, e impulsora do Comando Igualdade conta como naceu o proxecto: “Eu daba clases de Ética no instituto Alexandre Bóveda de Coia en 4º da ESO e falaba da educación afectiva sexual. Traballabamos estes temas en profundidade e a xente foise formando moi ben. Un ano, con Priscila como alumna, montamos o proxecto ‘Bata’, como un símbolo do traballo silenciado de miles de mulleres”. A implicación do alumnado e o profesorado foi tal que enseguida os medios de comunicación se fixeron eco. “Foi alucinante. Moi potente”, afirma a coautora do libro.
E deste xeito comezaron a falar abertamente do que significa ser muller no século XXI. A compartir experiencias de igualdade e desigualdade. De discriminación. A expoñer dúbidas. A debater e descubrir. Primeiro, entre compañeiros do instituto, nas propias aulas. Máis tarde, comezaron a chamalas “de todas partes”. Eses foron os alicerces do Comando Igualdade.
O Comando non actúa cun guión sabido. “Imos sempre un grupo grande a falar, ás veces con auditorios de até 400 persoas. O obxectivo é debater e invitar á reflexión. Cuestionarnos cousas”. Aínda que o núcleo desta iniciativa está no barrio vigués de Coia, na actualidade está sendo imitado en moitos institutos galegos e incluso de fóra.
Priscila Retamozo desfrutou moito escribindo xunto con Chis. “Foi moi interesante porque nos obrigou a xuntarnos e a falar moito. Fómonos nutrindo e aprendendo”, explica e engade que aínda que “somos de dúas xeracións moi distintas, no libro comunicámonos á perfección”. As autoras recomendan “ler e comentar cos fillos” todo o que se conta para axudar a conectar coa nova realidade.
O libro aborda todos os temas emerxentes na actualidade: o patriarcado, a presión estética de Instagram, o fenómeno ‘OnlyFans’ (a plataforma máis popular de venda de contido erótico), o abuso sexual, a prostitución de menores, o ‘body-monitoring’ (controlar constantemente como loce o noso corpo) e moitos temas importantes do movemento feminista.
Trátase tamén dun libro moi recomendable para os rapaces e homes porque, ademais de poder coñecer a realidade que viven as súas compañeiras, amigas, irmás, nais, etc, existe un capítulo no que se fala das novas masculinidades e outros problemas propios que sofren os mozos ademais de falar do papel fundamental que teñen no camiño cara á igualdade. “A revolución feminista pode tamén ser moi liberadora para eles, para que poidan sacar a máscara que moitos están obrigados a levar”, comentan as autoras.
‘Comando igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas’ é un libro moi comprensible e interesante para a xente máis nova xa que ten un discurso fresco e emprega unha linguaxe moi próxima a eles, utilizando recursos como os códigos QR que levan a ver vídeos a través de internet.
Chis Oliveira e Priscila Retamozo explican que as rapazas máis novas “necesitan reforzarse, empoderarse e a clave é que nos xuntemos e sexamos sororas entre nós”. “Pasaron moitos anos pero as problemáticas que seguen marcando a vida das mulleres son case as mesmas”, afirman.